publicidade hoxe

O Instituto de Estudos do Territorio xa dixitalizou a rede de faixas de xestión da biomasa dun millón e medio de parcelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Instituto de Estudos do Territorio xa dixitalizou a rede de faixas de xestión da biomasa dun millón e medio de parcelas distribuídas entre os 210 concellos galegos, que contan cun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O conxunto de parcelas suman unha extensión de 565 km2 de superficie de faixa determinada.

Este traballo estase a realizar en base a un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural para aproveitar e unir sinerxías e definir estratexias preventivas e de planificación, para anticiparse aos lumes forestais que poidan afectar aos montes galegos.

Neste sentido, o IET prepara información que se pon a disposición de concellos e administrados a través do Sistema Público de Xestión de Biomasa, creado ao abeiro do convenio para a protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. Esta información almacénase nun visor que analiza e modeliza grandes cantidades de datos a nivel de parcela catastral que poden delimitar as distintas redes de faixas de xestión da biomasa.

Este traballo axuda a reforzar a defensa dos núcleos de poboación fronte o lume, na medida en que permitirá analizar a información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de datos necesarios para a xeración das faixas secundarias, é dicir, as franxas de terreo máis próximas ás vivendas; así como unha mellor xestión das referencias catastrais afectadas e dos datos básicos de superficies, para poder xerar os mapas dos municipios coas súas faixas secundarias. Ademais, esta información poderá ser incorporado por parte dos concellos nos plans municipais de prevención e defensa contra incendios que, por lei, cada concello ten que aprobar.

Cómpre recordar que os recursos naturais e os montes, especialmente, son un factor clave na loita contra o cambio climático, pois teñen a capacidade de fixar ao redor de 100 toneladas de carbono na nosa Comunidade ao ano; é dicir, de reducir as emisións de carbono á atmosfera e actuar como sumidoiro.

Ademais, son un elemento a ter en conta á hora de calcular, e observar a evolución, da pegada ecolóxica das rexións. En Galicia, este valor é de 3,35 hag/hab (hectáreas globais por habitante). Trátase dun indicador moi útil para coñecer o impacto das actividades humanas sobre a natureza, xa que representase a superficie necesaria para producir os recursos e absorber os impactos das actividades humanas. E, en consecuencia, tamén inflúen na biocapacidade, polo que a superficie de bosque tradúcese en hectáreas produtivas para a obtención de produtos forestais en Galicia e en hectáreas responsables da absorción das emisións de CO2 xeradas na produción de enerxía, transporte e comercio de mercadorías consumidas pola poboación galega.

2 de novembro de 2020 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.