publicidade hoxe

O DOG publica os galardoados na undécima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) sobre os galardoados na undécima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

En total son oito os proxectos seleccionados que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cantidade que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias.

Premiados

Na categoría de iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para a asociación Educando en Familia, de ámbito provincial lucense, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos entre cero e seis anos.

Na sección de mocidade, destinada a persoas con menos de 40 anos, o galardón é para Fontes de Mané S.L. polo seu campamento turístico “Cabanas da Ulla”, localizado no concello coruñés de Touro. O proxecto procura a simbiose entre a actividade forestal e os servizos turísticos e campismo de alto confort nun entorno rural.

No sector agrogandeiro, o gañador é a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña polo seu proxecto “Bico de Xeado”, unha iniciativa que apostou pola transformación do leite da súa propia granxa para crear un produto de valor engadido e diversificar así a súa oferta.

No apartado de innovación tecnolóxica, a vitoria foi para o grupo tecnolóxico Arbinova S.L., pola súa peme BETA Implants, localizada en Salvaterra do Miño, que deseña e fabrica implantes e próteses para o sector da traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria.

Na sección de turismo, álzase co galardón “Enoturismo María Manuela S.L.”, no concello de Boqueixón. Trátase dun complexo de seis cabanas que se integran coas particularidades da zona, promocionando produtos locais e actividades que dinamizan a contorna.

Na categoría de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibe o premio Aspadeza, de Lalín, polo seu centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual.

Na de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, o premio foi para a asociación de veciños de Puxedo pola recuperación material e patrimonial da súa aldea, ubicada no concello de Lobios, en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, o gañador deste premio é a asociación veciñal de Lucenza pola recuperación dos montes comunais ubicados nesta parroquia do concello de Cualedro. Esta asociación recuperou a actividade gandeira no monte de Chairas con máis de 40 cabezas que fan de rozadores naturais no monte.

3 de novembro de 2020 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.