publicidade hoxe

Agasol e Amtega lanzan a terceira edición do ciclo de conversas con mulleres referentes no ámbito dixital para impulsar as vocacións STEM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), lanzan este ano a terceira edición do programa ‘GIRL STEM: derrubando estereotipos’, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas.

Este ano o programa se transforma nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

‘GIRL STEM: derrubando estereotipos presentará a partir de hoxe un total de seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos estas pílulas audiovisuais acompañadas de fichas didácticas, coas biografías das mulleres entrevistadas, a explicación do seu traballo e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Tamén se inclúen temas chave ou áreas coas que ten relación o seu perfil, cunha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos; as desigualdades de xénero á hora de acceder a determinados traballos, carreiras e proxectos; e a importancia de considerar as carreiras STEM como unha opción de futuro na que as mulleres teñen que aumentar a súa participación dunha forma progresiva.

O obxectivo é orientar e empoderar ás rapazas con experiencias inspiradoras para animalas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo, especialmente nas rapazas.

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.

Begoña Vila Costas é unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudio de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibíu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.

Rebeca Atencia naceu en Ferrol, estudou veterinaria na Universidade Complutense de Madrid. Traballou no centro de reprodución Help Congo onde coñeceu a Jane Goodall e dende 2012 dirixe o seu centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga. O Concello de Ferrol concedeulle o Premio 8 de marzo no ano 2019 en recoñecemento pola súa traxectoria profesional.

Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas. Produciu proxectos exitosos na industria cinematográfica, obtendo numerosos premios internacionais, incluíndo un premio BAFTA New Talent. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias.

Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise da covid-19 conseguiu traer a España uns súper robots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do Big Data.

Amparo Alonso Betanzos naceu en Vigo. É una enxeñeira química española e investigadora en intelixencia artificial. Tamén é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. En paralelo, continúa co seu labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.

Susana Martínez-Conde é unha científica neuronal nada na Coruña. É catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Doutorouse na USC para, a continuación, trasladarse aos EE. UU. a traballar xunto ao Premio Nobel David
Hubel na Universidade de Harvard. Actualmente é profesora na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Recibiu o EyeTrack Award polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York e o Premio 100 Españois.

Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, unha compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; é Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES).

Luz Castro Pena, nada en Ferrol, estudou Enxeñería Informática na Universidade da Coruña. Fundou a Plataforma polo Galego na Informática. É socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC dende 2008. Foi vicepresidenta da asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e, dende 2012, é representante na Rede de Mulleres en Informática (MUIN). Tamén fai parte do comité directivo do Cluster TIC de Galicia e é cofundadora da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. Recibiu premios como o Eganet ao mellor ambiente de traballo para a súa empresa Imaxin Software e o Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.

2 de novembro de 2020 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.