publicidade hoxe

Sanidade limita a dez persoas as xuntanzas en toda Galicia e restrinxe a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásLocal PortadaO CarballiñoO IrixoOurensePortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Sanidade vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas. Esta é unha das decisións adoptadas polo Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, logo da xuntanza desta tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.

Así mesmo, decidiuse restrinxir a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, logo da xuntanza desta tarde do Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade. O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona. Deste xeito, queda establecida unha mobilidade perimetral entre os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.

Ademais, decidiuse elevar ao nivel 3 de restrición no concello de Verín, no que siguen as restricións de xuntanzas a grupos de persoas que non viven xuntas. Lembramos que bares e cafeterías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas que viven xuntas. Os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%.

Ademais entra en nivel 2 a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Todas estas medidas, que se publicarán este mércores, 14 de outubro, no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00,00 horas do xoves.

13 de outubro de 2020 | 22:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.