publicidade hoxe

O Servizo de Gardacostas foi activado polo Estado en preto de 250 ocasións entre 2019 e 2020 cun custo de máis de dous millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, explicou hoxe no Parlamento que Salvamento Marítimo do Estado realizou entre 2019 e setembro deste ano 242 activacións dos medios adscritos ao ente dependente da Consellería do Mar para a súa intervención en operativos de busca e salvamento, asistencia no mar e loita contra a contaminación mariña no litoral da comunidade. A participación galega nestas actuacións, detallou o máximo representante do servizo, tivo un custo para as arcas públicas autonómicas de máis de dous millóns de euros.

Lino Sexto lembrou en resposta a unha pregunta sobre este asunto que Galicia é a única comunidade autónoma que dispón de medios marítimos e aéreos propios para colaborar co Estado -que é quen ten as competencias en materia de salvamento marítimo- nos labores de busca, auxilio e loita contra a contaminación no mar. Neste sentido, incidiu en que os custos nos que incorre a comunidade para poñer medios a disposición destes operativos son cubertos con fondos propios, sen aportación algunha por parte da Administración central nin con fondos europeos, salvo na renovación da frota, e que o custo total anual para manter o servizo é de 22 millóns de euros.

Entre 2019 e setembro deste ano os medios aéreos e marítimos do ente dependente da Consellería do Mar foron activados en 242 ocasións. No caso dos helicópteros -Pesca 1, con base en Vigo, e Pesca 2, que opera desde Viveiro- foron activados en arredor dun cento de ocasións mentres que as embarcacións de maior porte -Sebastián de Ocampo, Irmáns García Nodal, Paio Gómez Chariño e Ría de Vigo- foron mobilizados para participar en preto de 130 operativos.

Renovación parcial da frota

O subdirector xeral de Gardacostas tamén salientou o importante esforzo investidor que está a facer o Executivo galego para a renovación parcial da frota do servizo, que permitiu a incorporación entre 2019 e 2020 de catro patrulleiras lixeiras novas -Punta Promontoiro, Punta da Guía, Punta Falcoeiro e Seixo Branco- cun investimento superior aos 3,5 millóns de euros. A isto engádese a construción, en proceso, dunha embarcación de gran porte por importe de 6,5 millóns de euros e que se espera que estea en servizo a comezos de 2021 para substituír á Paio Gómez Chariño.

16 de outubro de 2020 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.