publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas substituirá os equipos de Terapia Respiratoria Domiciliaria a preto de 23.000 persoas nas áreas sanitarias de Pontevedra, Santiago e Vigo

O Servizo Galego de Saúde comezará o vindeiro 2 de novembro o proceso de substitución dos equipos de Terapia Respiratoria Domiciliaria a preto de 23.000 persoas usuarias, nas áreas sanitarias de Pontevedra, Santiago e Vigo.

Desde a vindeira semana, e durante os próximos dous meses, a nova compañía adxudicataria deste servizo, contactará dun xeito progresivo con cada un dos pacientes para concretar unha cita no seu domicilio e así proceder a instalación dos novos equipos.

O persoal técnico que acuda aos domicilios, presentarase debidamente identificado e portará os equipos de protección individual necesarios para garantir o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias establecidas por mór da covid-19. Con todo, e ante calquera dúbida, a empresa tamén porá a disposición dos usuarios un Servizo de Información e Atención ao Paciente que estará operativo as 24 horas do día.

O Servizo Galego de Saúde garantirá en todo momento o correcto funcionamento das terapias respiratoria domiciliarias, de xeito que, nin os cambios de equipamento, nin os axustes que estes requiran, supoñan unha interrupción do servizo.

Un servizo que contribúe ao tratamento de diferentes doenzas
As terapias respiratorias domiciliarias máis frecuentes son a osixenoterapia -que controla e corrixe a diminución de osíxeno no sangue en pacientes con insuficiencia respiratoria crónica- ,e a CPAP para o tratamento da apnea do sono.

Ademais, tamén se inclúen outras terapias como a ventilación mecánica –en enfermos que necesitan soporte para respirar- ou a aerosolterapia, inhalación de determinada medicación para tratar asmas ou bronquites.

28 de outubro de 2020 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.