publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas publicará, antes de que remate o ano, un decreto de oferta de emprego público que contemplará un total de 973 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde convocará, antes de que remate o ano, un decreto de oferta de emprego público que contemplará un total de 973 prazas. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no pleno do Parlamento de Galicia. Lamentablemente, -dixo o titular da carteira sanitaria-, non puideron ser 3.500 prazas, que eran as que poderíamos ter contemplado se, como solicitou o presidente da Xunta, o Goberno central levantara a limitación da taxa de reposición, para o que só facía falta a vontade política de facelo, -remarcou-.

O conselleiro de Sanidade, sinalou, tamén, que o seu departamento, ao contrario do que fixo o Goberno central, dialogará cos profesionais, área por área, para planificar a implantación das medidas en materia de contratación, prestación de servizos e recoñecemento de titulacións recollidas no Real Decreto-Lei 29/2020.

O titular da carteira sanitaria remarcou que a Xunta de Galicia non vai boicotear iniciativas que, por mal que foran formuladas e tramitadas, poden axudar e poden achegar recursos nun momento de grandes necesidades.

García Comesaña incidiu que, neste momento, o seu departamento está, en cada área sanitaria, en diálogo co seu persoal para estudar, en cada caso, o mellor xeito de integrar as novas contratacións, e avanzou que ten previsto que a integración dos MIR sen especialidade se faga de xeito prioritario en funcións non estritamente asistenciais en materia de saúde pública. Queremos que poidan apoiar o labor dos sanitarios nas tarefas que se teñen incrementado, tanto en primaria como nos hospitais, pola xestión da pandemia, -subliñou o conselleiro-.

A Xunta, -dixo García Comesaña-, aínda que discrepe do xeito no que foron concebidas estas medidas, non vai practicar a confrontación nin vai renunciar a utilizalas, porque consideramos que todos os medios que poidan axudar neste momento son benvidos.

Medidas da Xunta
O conselleiro lembrou que Galicia entende perfectamente a necesidade de tomar medidas extraordinarias, como o demostra que, durante a fase aguda da pandemia, foi a primeira comunidade que decidiu contratar como facultativos especialistas aos MIR que remataban a súa residencia en maio, o que supuxo que 158 profesionais médicos se incorporaron ao Sergas con esas condicións laborais.

O responsable da sanidade pública galega dixo tamén que, agora temos a pandemia e, sen dúbida, son necesarias as medidas urxentes e coxunturais, pero hai dous anos que se puideron ter posto en marcha iniciativas estruturais acordadas a nivel nacional, e non se fixo. O mesmo sucede, -recordou García Comesaña-, coa eliminación da taxa de reposición, medida que hai catro anos que Galicia está a solicitar.

Grazas á súa maior solvencia orzamentaria e a cumprir os obxectivos de déficit, Galicia puido superar nos últimos anos o 100% da taxa de reposición e chegar ao 108%, como consecuencia da prioridade que este goberno deu sempre á sanidade.

No que se refire á precariedade, o Sergas puxo en marcha un Plan de estabilidade no emprego do persoal estatutario, acordado coas centrais sindicais, e co obxectivo de situar a taxa de temporalidade do servizo sanitario galego no 5%. Ademais, creouse o contrato de continuidade de 1 a 3 anos, que xa incorporou a 117 profesionais á atención primaria.

21 de outubro de 2020 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.