publicidade hoxe

O Sergas atendeu durante 2019 a 5.187 mulleres a través da vía rápida de cancro de mama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde atendeu, durante 2019, a través da vía rápida de cancro de mama, a un total de 5.187 mulleres, cun tempo medio de espera de 4,5 días. O departamento sanitario galego quere destacar, con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama, que a atención ás persoas que sofren unha patoloxía oncolóxica constitúe un eixo vertebrador da prestación de asistencia no Sergas. No caso dos pacientes oncolóxicos, asegurar unha atención de calidade e mellorar as súas expectativas de vida pasa, sen dúbida, por mellorar o seu proceso de atención, diminuíndo as ineficiencias e estandarizando, na medida do posible, os coidados ao longo de toda a traxectoria asistencial.

Cómpre destacar que a participación das mulleres galegas no Programa galego de detección precoz do cancro de mama está por riba dos estándares europeos. Isto fai posible que arredor do 93% dos tumores podan ser detectados en estadio precoz.

O seguimento dos pacientes tratados de cancro non finaliza no momento en que se fai o tratamento. Cada vez son máis os sobreviventes de cancro que precisan dun seguimento continuado a longo prazo, próximo, coordinado e superespecializado, debido ao risco de sufrir secuelas ou problemas de saúde secundarios ao tratamento recibido. O cancro de mama é un deles; durante toda estes meses de pandemia provocada pola covid-19 tívose, como unha premisa básica, manter a actividade das vías rápidas oncolóxicas, e garantir o seu tempo máximo de espera. En todo momento estivo presente esta prioridade para o Servizo Gallego de Saúde.

O Sergas segue a traballar en minimizar os tempos de espera, facilitar a continuidade asistencial e basear a práctica clínica na mellor evidencia científica dispoñible, establecendo, de maneira clara e precisa, tanto a sistemática de atención como os mecanismos de coordinación dos distintos profesionais implicados en todos os niveis asistenciais.

Programa de prevención

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade puxo en marcha, en 1992, o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, coa finalidade de abordar o problema de saúde que supón esta enfermidade. O programa atópase, tras máis de 28 anos de percorrido, plenamente consolidado.

Está dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, asintomáticas e que non foran diagnosticadas previamente de cancro de mama, con independencia de que reciban ou non asistencia do sistema sanitario público. A idade da poboación diana comenzou sendo de 50 a 64 anos, ampliándose desde o ano 2005 ata o 2009 de forma progresiva ata os 69 anos. A proba básica de cribado é a mamografía en dúas proxeccións en cada mama e realízase cunha periodicidade de dous anos.

A citación das mulleres é persoal. Envíase nos 10-15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que a muller debe acudir para a realización da exploración mamográfica. Se non acode, envíase unha nova citación.

Desde seu inicio, o programa non deixou de expandirse na súa capacidade e recursos para a atención ás usuarias, mellorando á súa xestión integrada e tamén a recollida de datos que permiten elaborar os indicadores para a súa avaliación, seguindo as directrices da Unión Europea e as novas evidencias que foron xurdindo. Así mesmo, foi adaptándose ao desenvolvemento tecnolóxico, coa modernización dos seus sistemas de información e a dixitalización de todas as unidades de exploración.

No período comprendido entre xaneiro 1992 e o 1 de outubro deste ano realizáronse, no marco do programa, 2.793.454 exploracións mamográficas, o que supuxo unha taxa de participación do 79,1% da poboación invitada. Cómpre remarcar que a participación no programa, a partir do ano 2006, é superior ao 75%, obxectivo de participación desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico. En 2016, dita participación acadou un 83,6%, o valor máis alto desde a súa instauración. De todas as mulleres exploradas, o 97% teñen un resultado negativo e algo menos do 3% restante requiren control hospitalario para confirmar o rexeitar lesión maligna.

No período que vai dende xaneiro de 1992 ao 31 de decembro do 2019, a taxa global de detección de cancro foi de 3,7 casos por cada mil mulleres exploradas, e dicir, 10.057 casos de cancro foron detectados polo programa en fase presintomática.

19 de outubro de 2020 | 21:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.