publicidade hoxe

Galicia urxe a alcanzar rapidamente un acordo sobre o instrumento europeo de recuperación para que se poidan mobilizar os novos fondos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Jesús Gamallo no pleno do Comité Europeo das Rexións

Jesús Gamallo no pleno do Comité Europeo das Rexións

No segundo pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrado tras a irrupción da pandemia, aprobouse unha resolución urxente na que se insta alcanzar rapidamente un acordo sobre o novo instrumento de recuperación, de xeito que se poidan mobilizar con celeridade os recursos para afrontar os efectos negativos da crise e que estes poidan chegar á economía a nivel local. Esta demanda prodúcese nun momento de bloqueo nas negociacións entre o Consello e o Parlamento Europeo debido ás condicións impostas por este último para dar o seu consentimento ao acordo dos líderes europeos sobre o futuro marco financeiro plurianual.

“As negociacións no ámbito europeo son complicadas pero o reto ao que nos enfrontamos é enorme: as desigualdades sociais víronse exacerbadas drasticamente polo devastador impacto da Covid-19 en toda Europa, o que socavou unha década de progreso en tan só seis meses. A aprobación de Next Generation EU debe ser unha prioridade por encima das loitas interinstitucionais. Non podemos permitirnos o luxo de demorar a posta en marcha do novo instrumento de recuperación europea”, apunta o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen representou a Galicia neste 140º pleno.

Por primeira vez, un pleno do CdR contou coa participación da Presidencia do Consello da Unión, que actualmente corresponde á chanceler alemá, Angela Merkel. Tamén participou por primeira vez a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, quen puxo en valor a resposta dos entes locais e rexionais durante a xestión da crise e recalcou a importancia das administracións locais e rexionais á hora de aplicar o Next Generation EU, xa que, segundo Von der Leyen, o obxectivo deste instrumento non é unicamente económico, senón que haberá de servir para “mellorar o aire que respiramos nas nosas cidades ou para axudar ás pequenas empresas a adoptar solucións dixitais”.

Recomendacións sobre 26 medidas lexislativas e debate con catro comisarios

Este pleno caracterizouse por unha axenda moi cargada, na que destacan os debates cos comisarios responsables do Pacto Verde Europeo, Cohesión, Economía e Emprego, ademais de co presidente do Banco Europeo de Investimentos. Os membros do CdR tiveron así a oportunidade de avaliar a posible contribución da UE aos esforzos de recuperación locais e rexionais.

Durante os tres días (12-14 de outubro) do pleno do CDR, os membros desta asemblea tamén debateron e aprobaron ditames sobre vinte e seis dossieres da axenda comunitaria como a nova estratexia industrial europea, o libro branco sobre a Intelixencia Artificial ou o Plan de Acción sobre Economía Circular. Galicia presentou 18 emendas a cinco destes ditames.

Participación de Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

14 de outubro de 2020 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.