publicidade hoxe

Feijóo avanza un paquete de medidas por case 5 millóns de euros para apoiar ao sector do ocio nocturno ante a pandemia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa do presidente galego

Rolda de prensa do presidente galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un paquete de medidas por case 5 millóns de euros para apoiar ao sector do ocio nocturno ante a pandemia.

En primeiro lugar, Feijóo referiuse á convocatoria dunha liña de axudas por valor de 2,2 millóns de euros, para sufragar os gastos de alugueiro dos establecementos que se atopen pechados desde o 15 de agosto como consecuencia da decisión tomada polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas. Así mesmo, o contrato de aluguer terá que estar en vigor desde o mes de xaneiro de 2020 e seguir vixente durante o ano posterior á data en que se permita a reapertura.

En segundo lugar, o responsable do Executivo galego destacou a convocatoria de axudas por 600.000 euros para os establecementos habilitados como sala de concertos, sala de espectáculo ou café concerto, que o pasado 2019 levasen a cabo un mínimo de 15 concertos.

O importe do proxecto presentado deberá ser superior os 25.000 euros e subvencionarase ata o 80% dos gastos e “facemos un anticipo de forma inmediata, anticipo que poden utilizar no momento en que se reabra o ocio nocturno”, precisou o presidente da Xunta.

Ademais, habilitarase unha liña de axudas para o mantemento do emprego neste sector por 2 millóns de euros, e á que se sumarán nas vindeiras semanas outras iniciativas para facer fronte á covid.

Feijóo tamén explicou que a cuarta medida deste paquete “son préstamos para o financiamento do capital de explotación a un tipo de interese do 0,2 con tres anos de carencia”.

Para concluír o presidente da Xunta incidiu en que o obxectivo é “paliar a baixada absoluta, ingresos cero, de todo este sector económico de ocio que supón, sen ningunha dúbida, unha parte importante en empregos na Comunidade autónoma”.

15 de outubro de 2020 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.