publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha un plan de rescate dotado con 70 millóns de euros para manter a actividade económica de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas para manter a actividade económica de máis de 30.000 autónomos e máis de 10.000 microempresas. Así mesmo, Feijóo destacou que estas axudas complementan ás prestacións que concede o Estado polo cese de actividade como consecuencia da pandemia da covid-19 ao amparo do Real Decreto- Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Dotado con máis de 70 millóns de euros ao longo de 2020 e 2021, o titular do Goberno galego explicou que esta nova iniciativa contará con dúas liñas de apoios para contribuír ao mantemento do emprego e da actividade.

A primeira liña, que contará cun investimento de 30 millóns de euros, estará destinada a 30.000 autónomos que poderán percibir: 1.200 euros; ou 2.000 euros, no caso de que se trate de actividades paralizadas durante polo menos 6 meses ou especialmente suspendidas, como o ocio nocturno.

Os traballadores por conta propia que reciban o apoio deberán adquirir o compromiso de manter a actividade e o emprego como mínimo durante 3 meses. E poderán optar a esta axuda aqueles que teñan recoñecida a prestación extraordinaria ou ordinaria por cese e que non superen determinados rendementos netos -alleos á súa actividade como traballadores autónomos- na declaración do IRPF do ano anterior.

No tocante á segunda liña de axudas, a Xunta destinará 40 millóns de euros para microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo e que, desde a declaración do estado de alarma teñan ou tivesen autorizado un ERTE pola covid-19. Así mesmo, deberán ter declaradas perdas de, polo menos, o 50% respecto ao mesmo período do ano anterior (setembro 2019-setembro 2020). Neste segundo caso concederase unha axuda de 4.000 euros que se abonará en dous prazos.

Feijóo tamén destacou que se unha persoa traballadora autónoma ten contratados a outros traballadores autónomos poderá acceder a unha axuda máxima de ata 6.000 euros, é dicir, as dúas axudas son compatibles entre si.

O presidente da Xunta aseverou que estas dúas liñas de axudas van dirixidas ás actividades económicas para as que as medidas sanitarias tiveron unha especial repercusión e que se corresponden coas pertencentes aos sectores: artes gráficas e reprodución de soportes gravados; comercios ao retallo (salvo vehículos de motor e motocicletas); transporte terrestre e por tubaxe; servizos de aloxamento; servizos de comidas e bebidas; actividades cinematográficas, de vídeo e programas de TV, gravación de son e edición musical; actividades de axencias de viaxe, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes; actividades de creación, artísticas e espectáculos; e actividades deportivas, recreativas e de entretemento.

Todos estes sectores son os que se consideran como os máis afectados pola pandemia no Real Decreto Lei de medidas sociais en defensa do emprego. O presidente da Xunta concluíu destacando que unha vez informado ao Consello, esta medida consensuarase na Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social.

22 de outubro de 2020 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.