publicidade hoxe

A Xunta e o Inta reforzan a súa colaboración para impulsar novos proxectos de innovación e industrialización no polo aeroespacial de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiGaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe xunto co director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta), José María Salom, o aeródromo de Rozas (Castro de Rei), onde puxo de relevo que a Xunta e o Inta están a reforzar a súa colaboración para seguir impulsando novos proxectos de innovación e industrialización no polo aeroespacial de Galicia.

Conde subliñou que se están finalizando os proxectos que se estaban desenvolvendo no período 2015-2020, con produtos que nalgúns casos xa se están comercializando, e que se avanza na preparación do período 2021-2025, cunha manifestación de interese na que xa se recibiron 153 propostas de 67 entidades. Tal e como subliñou o vicepresidente económico, en base ás mesmas preparase unha nova licitación co obxectivo de mobilizar 160 millóns de euros nos próximos cinco anos, “que veñen a sumar e a consolidar, desde o punto de vista da innovación, do desenvolvemento tecnolóxico e da industrialización”.

Destacou Conde que coa colaboración do Ministerio de Defensa, a través do Inta, coa implicación da Xunta e coa participación do tecido produtivo, e con empresas como Indra Babcock e Boeing, estanse desenvolvendo máis de 35 proxectos de I+D+i nos que participan pemes e centros de investigación galegos. Isto está a permitir consolidar o sector aeronáutico en Galicia, captar e reter talento, con máis de 400 persoas que están traballando nestes proxectos que permiten que a Comunidade sexa unha referencia.

Lembrou que se está avanzando tamén na construción das naves tanto de Babcock como de Indra, e que o obxectivo agora é “posicionar Rozas cara ao 2025”, promovendo desde a colaboración novos proxectos, e convertendo o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), no que colaboran a Xunta e o Inta, nunha referencia de innovación, de tecnoloxía, e “nun motor deste sector no que Galicia está á vangarda”.

Inauguración do encontro Unvex Live
Antes da visita a Rozas, Conde participou de xeito telemático desde Lugo na inauguración do encontro virtual sobre sistemas remotamente tripulados Unvex live, no que puxo de relevo que o polo aeroespacial permite a Galicia gañar músculo industrial por partida dobre: coa implantación de grandes empresas e co crecemento de pemes galegas do sector.

Unvex Live é un espazo virtual e dinámico que inclúe ata o 1 de marzo de 2021 actividades específicas como webinarios, newsletters, e exposicións virtuais, ademais dun foro profesional aberto á interacción con expertos. O seu obxectivo é servir de punto de encontro e intercambio de coñecemento ata a celebración presencial da sexta edición de Unvex, que se prevé realizar en Santiago de Compostela do 2 ao 4 de marzo do ano próximo.

6 de outubro de 2020 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.