publicidade hoxe

A Xunta destina unha achega de 1,7 millóns para reforzar e incorporar 200 persoas que atendan ao servizo de comedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe unha achega de 1,7 millóns de euros para reforzar o servizo de comedor escolar. Trátase dunha iniciativa que, segundo aseverou, permitirá a contratación de máis de 200 persoas a maiores para atender este servizo, ademais de aumentar a capacidade do servizo en plena pandemia.

En concreto, no caso dos comedores de xestión directa, a cargo da Xunta, Feijóo explicou que o número de colaboradores voluntarios autorizados incrementarase en 166. E subirá a contía que recibe cada colaborador por atender dito servizo, para compensar a maior dedicación derivada das medidas anticovid e o tempo motivado pola fixación de varias quendas.

“E ademais, poderán ser colaboradores de comedor outras persoas conviventes co alumnado. Ata agora eran só as nais e os pais, e agora poderá ser un irmán ou outra persoa”, engadiu. Ademais, subliñou que estas medidas suporán a creación de 129 prazas a maiores de comensais.

No tocante aos comedores de xestión indirecta, que se atenden con catering, o titular do Goberno galego avanzou a modificación dos contratos cos adxudicatarios coa previsión de aumentar en 42 máis o número de monitores existentes.

Todo isto súmase ao apoio que se está a facer ás anpas que xestionan os servizos de comedor. Feijóo lembrou o acordo coas asociacións de nais e pais para que a Xunta aporte a subvención íntegra correspondente a todo o curso: “Imos abonar tres meses e medio onde os comedores estiveron pechados para financiar o incremento de gasto que supón para as anpas abrir no contexto da covid”, abundou.

Cómpre salientar que esta iniciativa súmase á aprobada a semana pasada para reforzar a limpeza nos centros educativos diante da covid, unha medida que suporá a contratación de 33 persoas a xornada completa e outras 51 a media xornada.

15 de outubro de 2020 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.