publicidade hoxe

A Xunta defende ante o fiscal superior de Galicia a necesidade de cambios lexislativos para atallar o fenómeno das ocupacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, para analizar o fenómeno das ocupacións ilegais de vivendas na Comunidade e poñer en común posibles propostas e solucións.

Durante a xuntanza, a responsable autonómica trasladoulle a inquedanza da Xunta ante un problema que se ten agudizado en 2020 e incidiu na necesidade urxente de acometer as reformas lexislativas que sexan necesarias para garantir un marco xurídico eficaz, definido e duradeiro fronte ás ocupacións. Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou que o Goberno central debe intervir, no marco das súas competencias, para acabar coas dúbidas e a inquedanza social que están a xerar este tipo de casos en todo o país.

Segundo os datos do Ministerio do Interior, o número de denuncias por casos de ocupación en Galicia pasou das 59 do primeiro trimestre deste ano ás 79 rexistradas durante o segundo, unhas cifras que sitúan á comunidade seis puntos por debaixo da media nacional. En todo caso, a conselleira insistiu en que non se trata só dun problema cuantitativo senón cualitativo, ao lembrar a compoñente social que ten este fenómeno en tanto que afecta aos propietarios dos inmobles ocupados e aos veciños que sofren as súas consecuencias.

Precisamente, Vázquez Mejuto explicoulle ao fiscal que un dos obxectivos básicos da reforma que demanda Galicia do Goberno central debería ser outorgar ás comunidades de veciños, a través da súa presidencia, o dereito a actuar perante a xustiza para esixir o cese das molestias e incluso a desocupación inmediata dun inmoble. Así mesmo, tamén considera necesario arbitrar mecanismos xurídicos que permitan garantir o desaloxo cautelar do inmoble nas primeiras horas da ocupación, así como un endurecemento das penas que, por unha banda, disuada aos okupas da comisión do delito e pola outra, elimine a sensación de impotencia entre os afectados por este tipo de condutas.

A reclamación da Xunta dun novo marco xurídico e lexislativo que permita atallar o problema, engadiu a conselleira, está avalada por informes de “reputados expertos penalistas” e da Universidade de Santiago. Por iso, ve “imprescindible” que o Goberno promova as reformas necesarias, con independencia doutras medidas como, por exemplo, a recente instrución ditada pola Fiscalía do Estado para unificar os criterios de actuación ante ocupacións.

Propostas e contactos para buscar unha solución

Cómpre lembrar que a conselleira iniciou o pasado mes de setembro unha rolda de contactos con diferentes institucións públicas e privadas, expertos e entidades afectadas directa ou indirectamente polo fenómeno da ocupación ilegal de vivendas co fin de intercambiar propostas que axuden a buscar unha solución efectiva e duradeira.

Así, unha das primeiras veces que a Xunta deu a voz de alarma sobre o feito de que as ocupacións ilegais se estaban agudizando en toda España foi durante a Conferencia Sectorial de Vivenda convocada polo Executivo central o pasado mes de xuño. Esta mesma semana a conselleira reuniuse a petición propia co delegado do Goberno en Galicia para abordar a situación na Comunidade e propoñerlle a posta en marcha dunha comisión bilateral entre ambas administracións co fin de establecer unha canle de colaboración e contacto directo con relación á ocupación ilegal de vivendas.

Nas últimas semanas, a conselleira tamén se reuniu con asociacións de veciños dalgunhas das zonas máis afectadas polo fenómeno okupa en Galicia e levou ao Parlamento unha proposta de Pacto Social pola Vivenda, aberta á participación de todos os grupos da Cámara así como doutras entidades e colectivos sociais implicados no problema.

Así mesmo, durante a última reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia Ángeles Vázquez anunciou un acordo co Consello da Avogacía Galega para habilitar un teléfono de información e asesoramento para afectados pola ocupación ilegal de inmobles e a próxima elaboración dun mapa de vivendas ocupadas, co apoio e axuda dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos administradores de fincas da Comunidade.

16 de outubro de 2020 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.