publicidade hoxe

A Xunta colabora na campaña ‘Un paso á fronte polo medio ambiente’ coa que se dispoñen preto de 1.400 puntos Sigre para a recollida de medicamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia colabora na divulgación da campaña Un paso á fronte polo medio ambiente, coa que se dispoñen un total de 1.335 puntos Sigre co fin de facilitar aos galegos a reciclaxe de medicamentos.

Trátase dunha colaboración coa entidade sen ánimo de lucro, Sigre Medicamento e Medio Ambiente, para recordar e concienciar aos galegos na importancia de pechar axeitadamente o ciclo de vida deste tipo de refugallos en aras dun planeta saudable, grazas a un xesto tan sinxelo como achegarse a unha farmacia e levar os envases baleiros ou os restos de medicamentos.

Esta campaña de sensibilización incidirá en tres aspectos en relación coa vida dos medicamentos. Así, ao acabar un medicamento recoméndase levar o envase baleiro (blíster, frasco, tubo, inhalador…) xunto coa súa caixa de cartón; ao finalizar un tratamento tamén é recomendable levar a medicación sobrante nos seus envases e, por último, é aconsellable revisar os botiquíns domésticos para detectar aqueles caducados e que xa non se necesitan.

De feito, grazas á implicación dos cidadáns galegos, a reciclaxe de medicamentos nas provincias galegas experimentou un crecemento dun 2,5% durante o ano 2019. No conxunto de Galicia recicláronse 330.038 kg deste tipo de residuos, polo que se mantén a tendencia ascendente rexistrada nos últimos anos.

Durante o pasado ano, cada galego reciclou unha media de 122,28 gramos de medicamentos, incrementado un 2,52% a media rexistrada no ano 2018, e superando a media española en case 20 puntos (a media estatal de 2019 está fixada nos 102,84 gr/habitante).

Nese sentido, é de agradecer a colaboración dos cidadáns, que ven no sistema Sigre, presente en Galicia desde hai máis de 18 anos, un sistema seguro para o tratamento destes residuos mediante a súa recollida, transporte, clasificación e tratamento por un xestor autorizado.

Asemade, tamén cómpre destacar o traballo e compromiso do sector, xa que grazas á colaboración cos distintos axentes, ningunha entidade local ten que intervir na recollida e xestión dos residuos de medicamentos e dos seus envases; pois son os mesmos profesionais que comercializan os medicamentos os que se ocupan de xestionalos despois como residuos especiais.

30 de outubro de 2020 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.