publicidade hoxe

A Xunta agradece a implicación de 230 agrupacións de voluntarios de Protección Civil na loita contra a covid-19

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe o traballo e a implicación das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) pola súa contribución na loita contra a pandemia causada polo coronavirus.

Na súa visita hoxe á AVPC de Carballo destacou o traballo realizado por 5.000 voluntarios de 230 agrupacións que estes meses foron mobilizados coa activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e levaron a cabo preto de 100.000 operativos baixo a coordinación do Goberno galego. No caso da AVPC de Carballo, os 45 integrantes da agrupación participaron en case 650 operativos destas características. A maioría das actuacións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado e tarefas de desinfección de lugares públicos.

Alfonso Rueda indicou que “é necesario seguir poñendo en valor o traballo dos miles de voluntarios de Protección Civil que hai en Galicia, que levaron e están levando a cabo unha labor fundamental no día a día dos cidadáns galegos dende o primeiro día da pandemia e de maneira completamente altruísta e desinteresada”.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que a Administración autonómica investiu nos últimos anos máis de 17 millóns de euros en dotar a estas agrupacións dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo en condicións e, deste xeito, prestar un servizo máis eficaz e velar pola seguridade da cidadanía. No caso da AVPC de Carballo, o investimento da Xunta ronda os 82.000 euros e, entre o material entregado inclúese un furgón e unha carpa presurizada, unha embarcación, un baúl de salvamento e traxes protectores fronte a vespa velutina.

28 de outubro de 2020 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.