publicidade hoxe

A Comunicación Corporativa das ONG. Retos e Novas Tendencias de Futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O principal reto para as ONG é pasar do marco hexemónico do libre mercado ao transformador da prosperidade compartida. Hai que cambiar os marcos mentais para que o progreso signifique a diminución das desigualdades, das diferencias entre os que máis teñen e os que menos teñen.

Por iso, as ONG teñen que ter unha decidida orientación cara ao cambio social activando marcos coherentes para unha cidadanía global. É fundamental construír espazos de participación para a sociedade civil. Estamos nunha sociedade plural e multicultural e hai que poñer en valor esa diversidade como unha riqueza para a comunidade global.

Outros retos das organizacións sociais son incrementar a base social activa e participativa e incrementar as fórmulas de financiamento. Neste senso, deben clarificar as relacións coas empresas, para colaborar con aquelas compañías que apostan por unha economía sustentable.

O traballo en rede e a cooperación con outras organizacións e movementos sociais servirán para afianzar o seu papel como interlocutor coas distintas administracións.

A comunicación das ONG deben deixar moi claridade que a solidariedade non se debe confundir coa caridade e que non pode basearse na xeración de mágoa entre a cidadanía. A solidariedade é a determinación, firme a perseverante, de loitar polo ben común, desde o convencemento de que todas as persoas somos iguais e debemos ter os mesmos dereitos.

As estratexias comunicativas deben estar orientadas á toma de que conciencia dunha realidade e a creación dunha cultura solidaria. Para iso, as ONG teñen que chegar ao novos cidadáns definidos polas seguintes características:

1. É receptor e emisor ao mesmo tempo
2. Ten acceso a información de xeito instantáneo
3. Está sobresaturado de impactos.
4. Recibe información de múltiples fontes
5. É multitarefa, polo que atención fragmentada
6. É infiel ás marcas e medios. Non dá segundas oportunidades
7. Busca contidos rápidos e novidosos
8. Consume os contidos que quere, como, cando e onde quere
9. É xuíz. Denuncia a través das redes o que considera non axeitado
10. É prosumidor: crea, consume e distribúe os seus propios contidos
11. Confía máis en influencers, aínda que non sexan expertos
12. Ten a necesidade de contar historias, difundilas na rede e nutrirse doutras

Da Sensibilización á Concienciación

A comunicación das organizacións sociais transmiten unha realidade difícil de asumir co fin de conseguir cambios nas actitudes. Pero non deben caer na estratexia do dramatismo utilizando imaxes testemuñas e realidades extremas para xerar mágoa que atentan contra a dignidade dos beneficiarios. Nin tampouco na denominada Estratexia de culpabilidade ou de mala conciencia, que converte ao cidadán en culpable das desigualdades entre as persoas.

Esa comunicación caritativa ou solidariedade da tarxeta de creto produce, a medio e longo prazo, unha considerable perda de credibilidade. Amosar de xeito continuo imaxes dramáticas e unha realidade que nunca cambia, provoca a denominada fatiga da compaixón, o cansanzo e inmunidade ante as inxustizas; confusión e perplexidade, pasividade, indeferenza e, incluso, irrizatición (porque os cidadáns non son culpables).

Mellor é unha comunicación desde os valores éticos e baseada nos dereitos humanos. Elaborar mensaxes cunha visión positiva dos obxectivos que se van logrando e celebrando activiades lúdicas e actos de carácter cultural para chamar a atención e concienciar sobre unha realidade inxusta.

Principais erros de comunicación das ONG

1. Perpetuar prexuízos e concepcións erróneas
2. Linguaxe desaxeitada e discriminatoria.
3. Etiquetar á persoa substantivando a súa condición.
4. Enfoques negativos ou excesivamente heroicos
5. Tratamento asistencialista e pouco inclusivo.
6. Titulares alarmistas e/ou morbosos.
7. Escasa presenza como fonte informativa
8. Non entender a comunicación como un proceso, senón como momentos
9. Comunicación arrítmica, anecdótica e ausente
10. Endogamia comunicativa
11. Dar prioridade á visibilización antes que outros obxectivos máis concretos
12. Non dispoñer dun relato, un discurso explicativo de que é e que fai a organización

Boas prácticas

1. Respectar o dereito á intimidade e á propia imaxe, especialmente en casos de dor
2. Evitar expresións, termos e/ou imaxes estereotipadas. Non reforzar falsos mitos, visións xeneralizadas, morbosas ou sensacionalistas.
3. Contextualizar ás imaxes/mensaxes
4. Evitar mensaxes que apelen á compaixón ou á culpa, presentando as persoas en situacións de extrema vulnerabilidade ou sen capacidade para decidir por si mesmas. Dignidade
5. Poñer o acento nas persoas, dándolle voz na súa propia historia e sendo protagonistas
6. Promover o tratamento informativo da realidade como problemas sociais, non illadas.
7. Difundir mensaxes positivas. Amosar logros, situacións de empoderamento. Sen caer no dramatismo, a magoa ou a mala conciencia.
8. Empregar unha visión inclusiva que represente a diversidade existente na sociedade.
9. Defender un tratamento ético da información: veracidade e a transparencia son esenciais
10. Ter como obxectivo último da comunicación o cambio social. Promover a implicación e a participación da cidadanía para logralo

Contidos para ONG

A comunicación das ONG debe basearse na calidade dos seus contidos, para lograr atraer e conectar coa cidadanía. É preciso xerar contido relevante, entretido e interesante que achegan visibilidade e, sobre todo, confianza. As redes sociais e as canles non serven de nada sen bos contidos.

Unha técnica fundamental ao servizo das organizacións sociais e o Storytelling, ou a arte de crear e narrar relatos con propósitos de comunicación e conexión. Tratase de construír relatos para conectar emocionalmente cos públicos coa finalidade de transmitirlles unha mensaxe. As boas historias perduran para sempre e as ONG teñen que ser capaces de contar historias interesantes; deixar de interromper e comezar a relatar, a contar historias.

Para lograr éxito na creación de relatos, é preciso combinar crudeza, realismo, sensibilización, denuncia e poder de transformación . A historia debe transmitir que outra realidade é posible e que os cidadáns poden participar nese cambio coas súas accións. En definitiva, hai que dar o protagonismo aos beneficiarios e agradecemento ao voluntariado e socios, así como promover a participación da cidadanía.

 

Xosé Baamonde Silva
Universidade de Vigo

26 de outubro de 2020 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.