publicidade hoxe

A Amtega convoca máis de 300 prazas para as probas da certificación galega de competencias dixitais en ofimática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca un total de 342 prazas de carácter libre para a avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está aberta a toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

O prazo de inscrición para estas probas comeza mañá e remata o mércores 21 de outubro e poderá realizarse ben a través de internet ou presencialmente na aula de interese, sendo o único requisito o de ser usuario da rede CeMIT, trámite que tamén pode realizarse a través da rede.

As probas presenciais celebraranse os días 11, 12 e 13 de novembro en diversas quendas de mañá e tarde e que nesta ocasión vanse a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 37 concellos, que suman un total de 342 prazas dispoñibles:

Abegondo, Ames, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Fisterra, Oroso, Ortigueira, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vimianzo na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, Guitiríz, Lugo, Ribadeo e O Vicedo na provincia de Lugo; Bande, O Barco, Castro Caldelas, Celanova e Leiro na provincia de Ourense; e A Cañiza, Cuntis, A Estrada, Lalín, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Tomiño, Valga e Vigo na provincia de Pontevedra.

Entre as persoas inscritas provisionalmente realizarase un sorteo para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda, no caso de que existan mais solicitantes que prazas convocadas nas diferentes aulas que realizarán as probas presenciais.

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo

Máis de 1.500 prazas programadas para o ano 2021

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación no vindeiro ano con novas convocatorias de dous cursos de teleformación titorizada con exame final e dúas convocatorias de probas presenciais na modalidade autoformativa.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 9.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.650 en cursos de teleformación titorizada e 6.392 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 3.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.

Calendarización das probas

As probas de avaliación presencial que se convocan desenvolveranse os días 11, 12 e 13 de novembro.

14 de outubro de 2020 | 14:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.