publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a apertura do prazo para que aloxamentos e axencias de viaxes participen no bono turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución coa que se abre o prazo para que as empresas do sector turístico soliciten a súa participación no Bono Turístico, unha iniciativa que conta cunha dotación global de 5M€ e que xurde a petición do propio sector turístico, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Clúster Turismo de Galicia. O obxectivo é inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise da covid-19.

Máis de 100 empresas dos eidos do aloxamento e as axencias de viaxe, avanzaron xa á Consellería de Cultura e Turismo o seu interese por participar neste programa, que agora poderán formalizar para así ofrecer os seus servizos asociados. Trátase dunha proposta similar ás que se están impulsando noutros destinos españois coa finalidade de favorecer a reactivación deste sector, especialmente afectado tras semanas de inactividade.

Así pois, esta medida constitúe unha das principais demandas do sector turístico galego tras a crise sanitaria, polo importante efecto multiplicador do dinamismo desta actividade. Nunha segunda fase, unha vez se complete a oferta inicial dispoñible, abrirase o prazo de solicitude para as persoas beneficiarias, preto de 20.000 profesionais dos eidos sanitario e sociosanitario, que poderán solicitar o Bono Turístico dun xeito totalmente voluntario.

Como recolle o DOG, nesta primeira fase de inscrición do sector turístico, poderán solicitar a súa adhesión empresas ou agrupacións de empresas que ofrezan servizos de aloxamento, así como as axencias de viaxe que desenvolvan as súas actividades na nosa Comunidade e estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT). Os negocios interesados deberán presentar a súa solicitude completando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. Ademais, deberán rexistrarse na plataforma Turespazo para presentar os paquetes e experiencias turísticas ofertadas.

Produtos e experiencias con descontos do 15%

Entre as opcións que poderán ofertar aos beneficiarios destacan produtos turísticos ou experiencias que deberán ofrecer un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a máxima seguridade para traballadores e usuarios. Ademais, as empresas que soliciten a súa adhesión ao programa recibirán asesoramento por parte da Xunta e o Clúster de Turismo de Galicia sobre as dúbidas que presenten relacionadas coa operativa do mesmo.

As solicitudes por parte dos establecementos serán valorados por unha comisión mixta composta por representantes do Clúster Turismo de Galicia e do Goberno galego, que poderán retirar aquelas ofertas que consideren non se axusten ao obxectivo da iniciativa.

O Bono Turístico é unha medida recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, aprobado no Consello da Xunta o pasado 30 de abril. Dito plan conta cunha dotación de 58M€ para, entre outras medidas, apoiar a viabilidade do tecido empresarial potenciando a competitividade e favorecendo a súa adaptación aos novos requirimentos de seguridade sanitaria, a posta en marcha de novos produtos e solucións enfocadas ao escenario covid-19. Búscase así apoiar un sector que supón máis do 10% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que da emprego a preto de 125.000 persoas.

2 de xullo de 2020 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.