publicidade hoxe

Educación concede o Selo Biblioteca Escolar Solidaria a 10 centros, un recoñecemento do seu traballo a prol da igualdade e a inclusión

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 10 centros educativos o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, mentres que outros 10 foron seleccionados en relación coa iniciativa Voluntariado de Lectura-A, tal e como publica Portal Educativo.

Ambas accións -que a Consellería pon en marcha en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- están enmarcadas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, no que se inclúen diferentes iniciativas destinadas a promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias, así como a recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas inclusivas que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento.

Selo Biblioteca Escolar Solidaria

O Selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade; que procuran a compensación de desigualdades con fórmulas de aproveitamento dos recursos a través de medidas específicas, de carácter estrutural e sistemático; e que contan con alumnado voluntario e, tamén, con familias colaboradoras da biblioteca, en labores de xestión e dinamización.

Cada centro recibirá un diploma acreditativo ademais dunha asignación de 1.500 euros que deberá ser destinada a actividades da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

Os 10 centros que acadan o selo son:

CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo)
CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre)
IES Universidade Laboral (Culleredo)
CEIP de San Ramón (Moeche)
EEI San Roque (Viveiro)
CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu)
CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu)
CEIP Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro)
CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio)
CEIP Seis do Nadal (Vigo)

Voluntariado de lectura-A

No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a alumnado de 5º e 6º cursos de primaria, o obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. Isto poderá artellarse a través de actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. No curso 2019/2020 participaron un total de 106 centros.

Cada centro recibirá unha asignación de 600 euros para o desenvolvemento dun obradoiro especializado que deberá versar sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers, os xogos cooperativos e tradicionais ou a música e danza tradicionais.

Os 10 centros seleccionados polas súas experiencias en relación con este programa son:

CEIP Salgado Torres (Coruña, A)
CEIP de San Ramón (Moeche)
CEIP dos Muíños (Muxía)
CEIP de Foz nº 1 (Foz)
CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos
CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova)
CPI Antonio Faílde (Coles)
CEIP do Foxo (Estrada, A)
CEP Altamira (Salceda de Caselas)
CEP Pedro Caselles Beltrán (Tomiño)

20 de xullo de 2020 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.