publicidade hoxe

Continúa aberto o prazo para solicitar axudas do programa Emega de fomento do emprendemento feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, recordou hoxe que aínda segue aberto, ata o 6 de agosto, o prazo para solicitar axudas do programa Emega de fomento do emprendemento feminino.

Así o explicou hoxe durante a súa participación nunha xornada online sobre este programa organizada pola Cámara de Comercio de Santiago.

O programa Emega dispón nesta convocatoria dun orzamento de máis de 1,7 millóns de euros, que se destinan a apoiar proxectos empresariais liderados por mulleres.

Este ano, dada a situación económica derivada da covid-19, incorporáronse algunhas novidades. Así, reforzouse a ‘liña Activa’ destinada a axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa, agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Flexibilizáronse os criterios de acceso, sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos, ademais de que se valora o emprego mantido neste período.

Ademais da liña Activa, o programa Emega conta con outras tres liñas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a ‘ITEF’, para promover iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

Ademais, cómpre destacar que estas liñas compleméntanse cunha liña adicional destinada á conciliación e, ademais, proporciónase ás beneficiarias asesoramento personalizado a través do servizo Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela.

O programa ten apoiado, desde 2009, un total de 700 proxectos, que deron emprego a preto de 1.300 mulleres.

22 de xullo de 2020 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.