publicidade hoxe

Activada a situación de prealerta por seca hidrolóxica na comarca de Ortegal e na Mariña Lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de activar a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica na comarca de Ortegal e na Mariña lucense.

Esta situación aplícase só ás bacías da conca do río Mera e dos ríos máis pequenos que desembocan nas rías de Ortigueira e Cedeira (sistema 15); e nas concas dos ríos da Mariña lucense que desembocan no mar Cantábrico (sistemas 16, 17, 18 e 19). O resto das concas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa manteñen o estado de normalidade.

En concreto, na comarca de Ortegal aplícase ás bacías dos concellos de Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido e parte das Somozas, Moeche e Valdoviño. Nos sistemas da Mariña lucense inclúe as bacías dos municipios do Vicedo, Mañón, Ourol, Viveiro, Sober, Cervo, Burela, O Valadouro, Alfoz, Foz, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, e unha parte de Ribadeo, Muras e As Pontes.

A activación da prealerta realízase como aviso temperá para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca, e que implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos nestas zonas. Ademais supón o reforzo deste seguimento con inspeccións da gardería fluvial para comprobar o estado dos ríos e dos seus ecosistemas asociados e realízase un seguimento da evolución das posibles incidencias que poidan producir relacionadas coa auga.

O seguimento continuo da situación hidrolóxica que Augas de Galicia leva a cabo nas bacías da súa competencia, indican que os datos destas concas presentan unha abundancia hídrica sensiblemente inferior á situación que se considera normal para esta época do ano, no que respecta aos niveis e caudais circulantes polos ríos da zona.

Aínda que neste momento non se agardan problemas de abastecemento, desde Augas de Galicia, seguindo o protocolo definido no Plan de Seca, tomouse a decisión de activar o estado de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica para este sistemas coa fin de poder coordinar de forma máis eficaz, co resto de administracións implicadas, medidas preventivas para paliar os posibles efectos dunha seca hidrolóxica, de considerarse necesario.

Normalidade nas bacías restantes

As restantes concas da Demarcación Galicia-Costa presentan unha situación de normalidade, xa que os encoros rexistran unha porcentaxe alta de volume encorado e con caudais e niveis de auga nos ríos normais para a época do ano.

Non obstante, Augas de Galicia mantén un seguimento continuo da evolución da totalidade de encoros e ríos, situación que trasladará a vindeira semana nunha reunión da Oficina Técnica da Seca (OTS), que está formada por técnicos de Meteogalicia, Medio Rural e Augas de Galicia, que se encargarán de interpretar a situación e coordinar as diferentes actuacións que se consideren necesarias nesta situación.

Augas de Galicia recomenda ás administracións locais adoitar as medidas necesarias para reducir o consumo urbano da auga naqueles usos prescindibles ou accesorios e promover os mexases de aforro á poboación. Tamén se fai un chamamento á cidadanía en xeral para facer un consumo responsable da auga e, de xeito especial, nas zonas nas que se activa a prealerta.

17 de xullo de 2020 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.