publicidade hoxe

Ábrese o prazo de solicitude para desenvolver produtos, proxectos e obras en madeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria para fomentar a construción e o desenvolvemento de productos, proxectos e obras en madeira coa que se prevé impulsar 170 iniciativas.

O programa, enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia, conta cun orzamento de 1,7M€ e prevé mobilizar máis de 9M€ a través das catro liñas de axudas que inclúe. Os apoios están dirixidos tanto a empresas, microempresas e autónomos como persoas físicas, dependendo do tipo de actuación.

Por unha parte, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), ofrece axudas para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Por outra parte, haberá apoios a proxectos para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira.

Unha terceira liña destinarase á redacción de proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución. Por último, poderase optar a axudas para realizar obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira.

As axudas, de concorrencia competitiva, poderán cubrir ata o 80% do importe cun límite de 25.600 euros na primeira liña; 12.000 na segunda; 16.000 na terceira e 20.000 na última. Poderanse realizar anticipos do 50% e o prazo de solicitude remata o 30 de setembro, salvo que se esgote o crédito antes desa data.

As axudas están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como o elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como material de orixe natural, reciclable e reutilizable. Este novo programa de apoios servirá para fomentar a demanda destes produtos, tendo en conta a utilización de elementos locais e tamén a protección medioambiental. Ao mesmo tempo, permitirá beneficiar non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais que os desenvolvan.

20 de xullo de 2020 | 00:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.