publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta impulsa un Plan de formación para xestores culturais centrado na transformación dixital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) impulsan un Plan de formación dirixido a mellorar as competencias dixitais dos traballadores deste sector. Trátase dunha iniciativa recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico impulsado polo Goberno galego para favorecer a recuperación destas industrias tras a crise sanitaria.

O proxecto, froito dun convenio de colaboración entre a AGPXC e o Goberno galego, inclúe a celebración de sete cursos temáticos en liña entre os meses de setembro e decembro que se ofertarán de xeito independente. Con todo, o próximo mércores 29 de xullo terá lugar unha presentación telemática desta iniciativa a través da web xestoresculturais.gal na que participará o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo. Os cursos estarán impartidos por especialistas docentes e contarán cunha orientación totalmente práctica, co obxectivo de que os participantes poidan, ao remate das sesións, identificar e aplicar as estratexias e ferramentas dixitais máis adecuadas aos obxectivos, contidos e equipos da súa entidade.

Ademais, a metodoloxía será totalmente online, permitindo unha aprendizaxe flexible ao ritmo do alumnado. O número mínimo de participantes será de 20 persoas e o máximo de 80. En paralelo, habilitarase un servizo de atención telemática de 10,00h a 18,00h. para resolver calquera dúbida dos usuarios sobre a plataforma.

A través desta iniciativa, o Goberno galego busca dotar ao sector dos xestores culturais de ferramentas para adaptar as súas competencias e as súas actividades ao actual escenario de transformación dixital da cultura. Esta nova realidade trae consigo a necesidade de coñecer novas técnicas para a creación de contidos na rede, a aplicación de técnicas de información e alfabetización de datos e o desenvolvemento de novos mecanismos de comunicación e colaboración.

Dirixido a profesionais ou desempregados

Os cursos estarán dirixidos a profesionais do sector cultural, tanto público como privado, a persoas desempregadas con experiencia ou formación no sector cultural, a alumnado de cursos de especialización e máster cunha orientación profesional cara este eido. O obxectivo das sesións será identificar e reflexionar en torno aos desafíos que supón a progresiva dixitalización da cultura, así como actualizar as competencias dos profesionais neste contexto global.

Entre os asuntos que se abordarán nas diferentes formacións destacan materias como a propiedade intelectual na xestión e creación dixital, o márketing cultural no mundo dixital, as ferramentas dixitais para proxectos creativos, a comunicación e colaboración en contornas dixitais, o desenvolvemento de audiencias ou a participación cultural en tempos de distancia social.

24 de xullo de 2020 | 14:57 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario