publicidade hoxe

A Xunta adapta á nova situación as bases das axudas á creación escénica de 2019 e de festivais audiovisuais deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllas resolucións polas que se modifican as bases das subvencións á creación escénica correspondentes a 2019 e a festivais audiovisuais de 2020, co obxectivo de adaptalas á situación derivada da crise sanitaria e facilitarlles aos adxudicatarios o cumprimento dos requisitos inicialmente esixidos.

A Xunta de Galicia continúa deste xeito a adecuación das súas principais canles de axuda ás industrias culturais, mediante a reformulación de moitos dos seus programas tendo en conta o actual contexto. As medidas feitas públicas responden aos acordos acadados coa asociación Escena Galega e coa coordinadora de festivais audiovisuais Proxecta, no marco das conversas para a elaboración do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para facerlles fronte aos efectos da pandemia.

No caso das axudas á creación escénica, modifícase a Resolución de 20 de marzo de 2019 de xeito que se amplía en sete meses o período de estrea da produción subvencionable, ao pasar do 31 de marzo ao 31 de outubro deste ano como data límite. Esta convocatoria, que xa fora resolta con 23 espectáculos adxudicatarios, introduce a posibilidade de realizar un pagamento anticipado da anualidade de 2020 que, xunto co xa previsto para a de 2019, pode ascender ata o 90% da contía concedida.

Ademais, exímese da obriga de achegar garantías, amplíase o período de xustificación noutros sete meses (ata o 30 de novembro de 2020) e redúcese en seis (de oito a dúas) o número mínimo de representacións a realizar no prazo de seis meses desde a estrea. Todos estes cambios teñen por finalidade flexibilizar e facilitar o cobro das axudas, prevendo as dificultades que puideran darse para levar a cabo as funcións.

Estreas e festivais en Internet

Tanto para as estreas de producións escénicas como para a realización de festivais audiovisuais admítese agora expresamente o concepto de modalidade de celebración en liña, o que posibilita levar a cabo a actividade en Internet sen perder o dereito de percibir a contía da subvención.

Para os certames audiovisuais, os cambios atinxen á Resolución do 25 de novembro de 2019, aínda non adxudicada. Así, poden optar ás axudas os eventos realizados ata o 30 de novembro deste ano (para facilitar a reprogramación durante un mes máis do prazo anteriormente estipulado). Engádese a posibilidade de reformular as solicitudes no suposto de que o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior á que figura na solicitude presentada.

Outros cambios nas bases da convocatoria para estes festivais refírense, por exemplo, ao incremento da porcentaxe máxima da subvención cando o solicitante sexa unha empresa privada, que pasa do 60% ao 80% do orzamento subvencionable. Así mesmo, os beneficiarios quedan exentos da obriga de achegar garantías polos anticipos que reciban, simplifícase parte da documentación esixida e inclúense entre os gastos subvencionables os contraídos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma decretado pola covid-19.

17 de xullo de 2020 | 15:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.