publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta abre o prazo de presentación de ofertas para as obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzosCorcubiónFisterraLocal PortadaMiñoMurosPontedeumePortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe o peirao de Muros, onde anunciou que Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña. Con este trámite, explicou a representante do Executivo galego, queda aberto o prazo de presentación de ofertas para os licitadores, que poden acceder ás bases do procedemento na plataforma Contratos de Galicia.

O ente público contratará a través deste concurso un total de oito actuacións nos peiraos de Muros, Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Miño, Betanzos e Corcubión. O orzamento total da licitación ascende a 1,5 millóns de euros.

No caso de Muros, o investimento é de 120.000 euros e as actuacións consisten na renovación integral dos pavimentos de madeira dos fingers, a ampliación do pantalán de embarcacións tradicionais cun módulo máis -co que se crearán cinco novas prazas-, a instalación de tres novos fingers, a implantación dun sistema de apertura de portas con móbil, a colocación de escaleiras abatibles para subir aos pantaláns e a reparación de elementos menores así como o saneamento e limpeza xeral das instalacións.

Ao igual que no caso de Muros, incidiu Rosa Quintana, as obras no resto de portos consistirán na reforma integral dos pantaláns e estruturas aboiantes das citadas dársenas, co obxectivo de facer fronte ás deficiencias provocadas polo seu uso, e a súa contratación realízase nun lote único agrupado. Ao orzamento de 120.000 euros do caso de Muros súmanse os seguintes no resto de portos: 77.000 euros en Corme, 244.000 euros en Pontedeume, 288.000 euros en Fisterra, 443.000 euros no Freixo, 235.000 euros en Miño, 15.000 euros en Betanzos e 36.000 euros en Corcubión.

Tal como figura nas bases do concurso no perfil do contratante, o prazo de presentación de ofertas por parte dos licitadores permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de agosto. O obxectivo final destas actuacións, lembrou a titular do Mar en funcións, é facilitar o traballo diario dos usuarios e aumentar a competitividade das infraestruturas portuarias galegas coa finalidade de que poidan mellorar os seus resultados.

Rosa Quintana, que estivo acompañada na visita pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, engadiu que os portos son fundamentais para e economía das localidades costeiras e para o desenvolvemento da súa contorna e trasladou o compromiso da Xunta de mellorar de xeito constante os portos autonómicos para favorecer a xeración de riqueza e emprego na comunidade.

22 de xullo de 2020 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.