publicidade hoxe

A competencia lectora reforza a Galicia nos primeiros postos dos resultados do informe PISA 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A competencia lectora reforza a Galicia nos primeiros postos dos resultados do informe PISA 2018 segundo os datos que o Ministerio do ramo lle vén de facilitar á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A media obtida polos estudantes galegos en competencia lectora é de 494 puntos, o que sitúa Galicia como a terceira mellor Comunidade Autónoma nesta competencia, con 17 puntos por riba da media española (477 puntos) e por riba das medias da OCDE (487) e da Unión Europea (489).

Por niveis de rendemento de lectura, Galicia é a segunda Comunidade mellor situada, só por detrás de Castela e León. Neste sentido, máis do 75% do alumnado galego que participou nas probas do informe PISA están nos niveis intermedios de rendemento e case outro 7% está nos superiores.

No relativo ás diferenzas nos resultados entre alumnado repetidor e non repetidor, a variación é similar en Galicia (101 puntos), á media española (97 puntos) e ás medias da OCDE (98) e a UE (93).

Ademais, cómpre salientar que as alumnas galegas colleitaron os mellores resultados de España na competencia lectora en PISA 2018, con 514 puntos. Uns resultados moi similares aos obtidos polas rapazas en países como Xapón (514 puntos), Alemaña (512) ou Reino Unido (514). En relación a outras Comunidades Autónomas, a distancia coa segunda (Asturias, con 509 puntos) é de 5 puntos.

Equidade

O sistema educativo galego é o máis equitativo de entre os países e comunidades autónomas cunha puntuación media en rendemento en lectura similar á de Galicia.

De feito, Galicia é a cuarta Comunidade Autónoma con menor diferenza nos resultados de estudantes favorecidos e desfavorecidos desde o punto de vista social e económico, cunha diferenza media de 60 puntos fronte aos 74 da media de España, os 88 da media da OCDE, os 93 de media dos países da Unión Europea, ou aos máis de 100 puntos de diferenza de países como Suíza, Francia, Bélxica e Alemaña ou os máis de120 puntos de Luxemburgo.

Ademais, Galicia é a terceira comunidade con maior porcentaxe de estudantes desfavorecidos (un 16%) cuxo rendemento acada o cuarto máis alto de lectura, o que se coñece como resiliencia académica.

No referido ás diferenzas nos resultados pola titularidade dos centros educativos (público/privada), non é significativa, e é a cuarta menor diferenza de España.

Influencia da contorna

O cuestionario de estudantes de PISA 2018 incluíu máis de 20 cuestións directamente relacionadas co clima escolar. No relativo á exposición ao acoso, no alumnado galego é só do -0,18, similar ao de Islandia, Croacia ou España, e a influencia no rendemento en lectura explicada por este índice é moi baixa.

Tampouco son significativas en Galicia as diferenzas marcadas polo sentido de pertenza ao centro escolar.

Goce da lectura

Nos resultados do informe apréciase a forte relación entre o rendemento académico do alumnado en lectura e o goce da lectura, dado que desfrutar lendo contribúe a unha lectura máis eficaz. Galicia é a terceira Comunidade Autónoma cun índice de goce da lectura máis alto e a segunda, xunto con Aragón, na influencia deste sobre o rendemento.

Outras competencias

Cómpre lembrar que os resultados do resto das competencias do informe PISA 2018 déronse xa a coñecer en decembro de 2019. Neles, Galicia consolidaba e reforzaba a tendencia de mellora continua do alumnado galego tanto en competencia científica como en competencia matemática, por riba da media de España, da UE e dos países da OCDE.

Así, en competencia matemática Galicia obtivo 498 puntos, 17 máis que a media de España (481) e 9 máis que a media da OCDE (489), e sube 4 puntos en comparación co ano 2015 (cando obtivo un máximo histórico de 494 puntos).

En competencia científica, Galicia obtivo 510 puntos neste informe de 2018, o que a sitúa na primeira posición do ránking de Comunidades Autónomas, a 9 puntos da segunda que é Castela-León (501), e a 14 puntos de Asturias (que obtivo 496). A distancia é aínda maior se se compara coa media de España (483) e dos países da OCDE (489). Polo tanto, aínda que en termos absolutos rexistre unha mínima baixada de 2 puntos con respecto aos 512 obtidos en 2015, en termos comparativos o alumnado galego despunta nesta competencia.

Se consideraramos os resultados globais nas tres competencias (Ciencias, Lectura e Matemáticas) o rendemento promedio en PISA 2018 sitúa a Galicia no primeiro lugar de todas as comunidades autónomas, superando o rendemento promedio de España por 21 puntos, o da UE por 10 puntos e o da OCDE por 13 puntos, e ao nivel de países como Irlanda, Reino Unido, Eslovenia, Nova Zelandia, Suecia, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Bélxica, Australia, Suíza e Noruega.

23 de xullo de 2020 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.