publicidade hoxe

Sanidade entrega os I Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Sanidade fixo entrega esta mañá dos I Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia que promove a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Nesta primeira edición do certame, e de acordo ás dúas modalidades convocadas -profesional e pacientes-, o proxecto premiado na categoría profesional foi o presentado polas doutoras da área sanitaria de Ferrol, Nuria Oliver, Maria Dolores Álvarez e Rosa Arroyo, consistente no desenvolvemento dun instrumento que permita explorar e obter a fotografía do fondo ocular coa axuda dunha lente de condensación de 20 e/ou 28 dioptrías e un smartphone.

Así mesmo, na categoría de pacientes, o proxecto galardoado foi presentado por Andrés Núñez Gonzalez, quen desde a área sanitaria de Santiago, propuxo a creación dunha unidade multidisciplinar de formación e capacitación nos coidados e atención de nenos con doenzas graves, e na que os pais e nais destes menores, tras seren formados polo persoal da Unidade Pediátrica de Crónicos Paliativos, pasarían a ser posteriormente formadores dos seguintes pais.

Así, e tras felicitar aos galardoados, o titular de Sanidade destacou o potencial dos 70 proxectos que se presentaron a esta primeira edición, e aseverou que as achegas realizadas polos participantes contribuirán á xeración duns servizos públicos de maior calidade e cos que se poderá dar unha mellor resposta aos retos que presenta a nosa sociedade.

Grande acollida con 70 proxectos de innovación e 11 finalistas

O conselleiro de Sanidade, tamén remarcou durante a súa intervención a boa acollida que tivo a convocatoria do certame, sinalando que nas súas dúas categorías -profesional e pacientes-, presentáronse un total de 70 proxectos vencellados á innovación sanitaria.

Así, precisou que desde as sete áreas sanitarias galegas achegáronse 56 iniciativas desde eido profesional, e outras 14 candidaturas desde a categoría de pacientes, organizacións ou asociacións sen ánimo de lucro que traballan de xeito directo ou indirecto, na procura dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente.

De entre todas elas, 11 chegaron até a final do certame, converténdose nos dous primeiros proxectos gañadores: o desenvolvemento do uso do smartphone na captura de retinografías, e máis a Escola de Familias en Coidados Paliativos Pediátricos.

Finalmente, e en referencia a aposta pola innovación sanitaria que vén desenvolvendo o Sergas durante os últimos anos, Almuiña tamén puxo en valor o traballo que desenvolve a Plataforma de Innovación Sanitaria, na procura de recoller e valorar novas ideas e proxectos que sexan aplicables á realidade sanitaria do Sistema Galego de Saúde.

17 de xuño de 2020 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.