publicidade hoxe

Os máis de 130 coordinadores de prevención da xornada electoral comezarán a formarse este xoves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Este xoves comeza a formación dos máis de 130 representantes da Administración para a coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 durante a xornada electoral. Este persoal traballará para garantir que o 12 de xullo se desenvolva coas máximas garantías sanitarias e de acordo ao Protocolo elaborado pola Xunta, que foi trasladado á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A formación, que terá lugar entre o xoves e o o venres, desenvolverase nas cinco delegacións territoriais -A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo-, así como en Santiago de Compostela e Ferrol. Os coordinadores recibirán formación teórica e tamén práctica, na que incluirán a visita a un local electoral para ver in situ como facer todas as comprobacións.

Rematada a formación, a previsión é que visiten a próxima semana todos os locais electorais para comprobar se cumpren todos os requisitos de seguridade ante a covid-19 recollidos no Protocolo da Xunta. No caso de que nalgúns dos locais non se puidesen cumprir as garantías, pasará a buscarse unha nova ubicación.

Todos os profesionais que se ocuparán deste traballo conta con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais. Estarán sometidos a unha dirección única desde a Xunta.

Protocolo ante a covid-19

A Xunta aprobou a pasada semana o Protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo, que conta co visto bo de saúde pública e do comité clínico. Inclúe medidas de protección individual e colectiva, así como outras de carácter máis organizativo, co obxectivo de que a xornada se desenvolva con seguridade e as máximas garantías sanitarias.

Entre outras medidas, establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

O Protocolo tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, a Xunta colocará cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

O traballo dos máis de 130 representantes da Administración que se formarán a partir de mañá será comprobar previamente que nos locais se poden cumprir as medidas do protocolo: distancias de seguridade ou fluxos de circulación. Tamén farán comprobacións o propio día da xornada electoral, mediante roldas de visitas, para verificar que se están respectando as medidas preventivas.

Todo o custo adicional que suporá a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos, instalación de cartelería…) correrá a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.

2 de xuño de 2020 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.