publicidade hoxe

Os albergues públicos do Camiño adoptan medidas contra a covid-19 co obxectivo de promover unha peregrinación segura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, supervisou hoxe os traballos para a reapertura dos albergues públicos tras a súa adaptación ás medidas contra a covid-19. Fíxoo durante unha visita ao establecemento situado na antiga casa reitoral do Poulo, en Ordes, no Camiño Inglés, un dos primeiros que retomará a súa actividade este mércores ao supoñer máis do 50% do total de prazas de aloxamento das que dispón o concello neste tipo de establecementos.

Román Rodríguez comprobou os cambios introducidos neste albergue coa ollada posta na reactivación do Camiño de Santiago e que serán comúns ao resto de establecementos públicos. Todos eles disporán dunha capacidade máxima do 50%, mentres que nos privados poderá ser de ata o 75% co obxectivo de fomentar a reactivación económica do sector tras os meses de inactividade a causa das restricións por mor do coronavirus.

Ademais, estase rematando a instalación de cartelería informativa coas principais recomendacións contra o coronavirus e provendo aos establecementos de materiais de protección como xeles e solucións desinfectantes, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas. Do mesmo xeito, procedeuse xa a inutilizar as prazas que non serán ocupadas, haberá sinalización indicativa para garantir as distancias nas zonas de uso compartido e restrinxirase o uso de servizos comúns. Na posta en marcha destas medidas, o Goberno galego encárgase de dar soporte tanto aos concellos como as asociacións que xestionan unha vintena de establecementos da rede pública.

Reapertura gradual do Camiño

“O noso obxectivo é que os peregrinos que volvan á Ruta Xacobea poidan facelo coas maiores garantías de seguridade posibles”, sinalou o conselleiro de Cultura e Turismo, que apuntou que este mércores tamén abrirán as súas portas a Catedral de Santiago e o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde se expide a Compostela.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta lembrou que a reapertura gradual dos establecementos é unha decisión consensuada cos axentes implicados e que ten por obxectivo garantir a atención aos peregrinos en cada itinerario e, ao mesmo tempo, potenciar a reactivación económica dos establecementos privados tras os meses de inactividade a causa das restricións por mor do coronavirus. Con todo, subliñou que desde este 1 de xullo a totalidade dos establecementos públicos estarán listos para, en caso de que se detecte unha necesidade por parte da Xunta, dos concellos polos que transcorre o Camiño ou o propio sector, poidan retomar a súa actividade de xeito inmediato. En calquera caso, a previsión é que o 1 de setembro todos os albergues estean xa operativos.

Sistema de reservas online

Así mesmo, co fin de dar garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario, tamén se habilitará un sistema online de reservas, que convivirá coa posibilidade de solicitar praza presencial ao chegar ao albergues sempre que dispoña de capacidade. Así, os peregrinos poderán reservar cama desde o día anterior ata as 13,00 horas do día da pernoita. A partir desa hora, se o albergue dispón de prazas libres, estarán a disposición dos peregrinos que cheguen, facéndoo así compatible a reserva previa co espírito de acollida máis tradicional.

No marco do programa Camiño Seguro, nas últimas semanas impartíronse diversos cursos de formación online en materia hixiénico-sanitaria para albergueiros, nos que participaron máis de 300 profesionais, o que amosa o seu compromiso por ofrecer un servizo de calidade en espazos de seguridade. Igualmente, dispoñen dun servizo gratuíto de asesoramento. As empresas e profesionais que o precisen poden chamar ao 900 815 334 de luns a venres, de 10,00 a 14,00h. e de 16,00 a 20,00h. ou enviar un correo electrónico á info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.

Con esta mesma finalidade, os albergues privados dispoñen dunha liña de axudas para o sector turístico, dotada con 5,9M€, que financia a adquisición de material de protección e facilita a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a covid-19.

Acompañamento co ICTE

Ademais, a Xunta de Galicia vén traballando en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que elaborou un manual a disposición dos albergues con indicacións e recomendacións, así como protocolos de prevención. Ao longo dos vindeiros días, o ICTE prestará apoio para mellorar a experiencia do Camiño, axudando nos procesos de contención dos riscos. En cooperación cos concellos, achegará solucións para puntos como oficinas de información, áreas de descanso ou baños públicos, ademais dos propios albergues públicos, propiciando así corredores máis seguros.

29 de xuño de 2020 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.