publicidade hoxe

O DOG publica a resolución que establece a reposición do 100% dos servizos de autobús dentro dunha mesma provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade que establece que a partir de mañá, día 1 de xullo, deberán repoñerse o 100% os servizos de autobús de competencia autonómica que se realicen dentro dunha mesma provincia. No caso dos servizos que operen entre provincias, a oferta de expedicións debe situarse, como mínimo, no 80%.

O obxecto desta resolución é garantirlle á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e aos centros e traballo, unha vez superadas as restricións de mobilidade derivadas da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://xurl.es/zjsr2

Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa a recuperación dos servizos públicos de transporte de viaxeiros de titularidade autonómica, de xeito que acaden a súa normalidade plena os servizos intraprovinciais e os interprovinciais dean o paso a un nivel de prestación equivalente ao que actualmente xa estaban a prestar os primeiros.

De acordo coa resolución publicada hoxe, o volume dos servizos de autobús que desenvolvan a súa actividade dentro dunha mesma provincia deberán prestarse segundo as condicións das concesións e contratos vixentes, recuperando así o 100% da oferta.

En canto os servizos públicos de transporte de viaxeiros de uso xeral que teñan tráficos interprovinciais, as concesionarias deberán adaptar tamén a súa oferta para a prestación dun mínimo do 80% dos servizos que deberían prestar en condicións de normalidade. O obxectivo é garantir á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade desenvolve así as medidas aprobadas na orde aprobada o pasado día 6 de maio para os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, co obxectivo de realizar unha transición progresiva ao levantamento das restricións por mor do covid-19.

Ocupación dos taxis

En canto aos servizos de taxis, o pasado sábado publicouse unha orde da Consellería de Sanidade pola que, entre outras cuestións, se flexibiliza a ocupación dos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

Segundo se establece nesta orde, permítese a ocupación de todas as prazas de taxi e vehículo de turismo con condutor, incluído o asento contiguo ao condutor: poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo, aínda que sempre se ocupará en último lugar as prazas da fila do condutor. Mantense o uso obrigatorio de máscaras por todos os ocupantes, tal e como rexe no transporte público en xeral.

30 de xuño de 2020 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.