publicidade hoxe

O CSD elimina as franxas horarias para todos os deportistas na Fase 3 e asume a elaboración dun protocolo básico para toda a actividade deportiva tras as reiteradas peticións de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de manter unha nova xuntanza virtual co Consejo Superior de Deportes na que, unha vez máis, volveu insistir nos intereses do deporte galego no proceso de desescalada que estamos a vivir.

O director xeral de Deportes do CSD, Mariano Soriano recoñeceu a eliminación das franxas horarias para todos os deportistas e todos os cidadáns en xeral a partir da Fase 3. Así tamén informou que o Consejo traballa nun protocolo básico para aquelas actividades federadas que non vaian entrar en competición, xa que o protocolo de activación xeral aprobado para as ligas profesionais era de imposible cumprimento para o deporte federado. Estas decisións do CSD chegan tras as reiteradas peticións da Xunta de Galicia respecto á equiparación dos deportes á hora da súa práctica -profesional, non profesional e federado- para evitar unha diferenciación que amosaba unha realidade deportiva de primeira e de segunda categoría.

O mandatario galego solicitou ao CSD maior concreción sobre as condicións necesarias para a reactivación das competicións deportivas como as regatas de vela, remo ou mesmo os rallys de automobilismo, xa que acolléndose ao artigo 41 da Orde SND/414/2020 si se poderían levar a cabo. A este respecto, o director xeral do CSD reflexionou que a competición pode volver na fase tres pero “non ten sentido que volva se os deportistas non adestraron”, aínda que afirmou que si poderá haber competicións como as devanditas regatas.

Ante o posible cambio da gobernanza na fase tres, o secretario xeral solicitou unha “necesaria coordinación global entre comunidades para que a reactivación deportiva”.

2 de xuño de 2020 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.