publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O CDG retoma a actividade pública do Salón Teatro coa estrea da coprodución ‘Crónica dunha heterosexual insatisfeita’

O Centro Dramático Galego (CDG) reabrirá as portas da súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, coa estrea o sábado 4 e o domingo 5 de xullo de Crónica dunha heterosexual insatisfeita, espectáculo de Verdeveras Expresións Artísticas inserido no programa de coproducións da compañía da Xunta de Galicia.

O Salón Teatro retoma así a súa actividade pública, que incorpora os protocolos hixiénico-sanitarios necesarios para garantir a seguridade dos espectadores e dos profesionais, seguindo as medidas de prevención necesarias. Neste sentido, a ocupación máxima do espazo redúcese ao 75% da súa capacidade e será obrigatorio o uso de máscara hixiénica, así como dos medios habilitados para a desinfección.

Creado e interpretado por María Ángeles Iglesias, o espectáculo de Verdeveras xira arredor da vida dunha muller absolutamente normal que, diante do peso da rutina, decide dar un paso adiante e concretar unha fantasía. Con tal fin, buscará a complicidade do público, que será testemuño do seu gran momento.

Xunto con Iglesias, contribúen á posta en escena desta coprodución Octavio Mas, na escenografía e iluminación; Tato López, música orixinal; Anabell Gago, asistencia de dirección; Lorena Conde, deseño gráfico; Inés Salvado Gontad, fotografía; e Rebe Cierto, Xoana Almar, Raquel Germade, Cristina G. Cao e Alejandra Lorenzo, ilustración.

Residencia artística

O Salón Teatro recibirá o equipo deste espectáculo a partir do luns 29 para unha residencia artística durante a que desenvolverán os últimos ensaios previos á súa estrea pública da fin de semana.

Verdeveras Expresións Artísticas nace en 2010 en Santiago de Compostela da man de Tato López (músico-cantautor) e María Ángeles Iglesias (actriz). Crónica dunha heterosexual insatisfeita é o seu cuarto espectáculo, tras o debut en 2011 con Tacóns na corda e os posteriores Desalmad@s (2014) e o infantil Un lugar chamado mundo (2016).

As localidades para as dúas funcións da súa coprodución co CDG póñense á venda de xeito anticipado na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.

A sede da compañía pública acollerá a continuación a estadía artística do proxecto O raro é que bailar sexa raro, sexto solo da bailarina e coreógrafa Andrea Quintana, dentro do programa Residencias Paraíso, desenvolvido polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

23 de xuño de 2020 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.