publicidade hoxe

Gardacostas requisa preto de 10.000 metros de artes de enmalle, case 500 nasas e máis de 330 quilos de distintas especies de peixe e marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 10.000 metros de artes de enmalle, case 500 nasas para a captura de diferentes especies e máis de 330 quilos de distintos produtos do mar en controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis incautacións, con preto de 450 nasas para a captura de distintas especies, e algo máis de 80 quilos de peixe e marisco comisado. Na maioría dos casos tratouse de artes sen identificar, polo que as especies que estaban no seu interior foron devoltas ao mar.

A ría de Camariñas tamén foi escenario dunha importante actuación dos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia na que se incautaron de máis de 6.700 metros de artes de enmalle e requisaron máis de 70 quilos de distintas especies. Os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar tamén realizaron varios operativos na ría de Muros e Noia que se saldaron coa incautación de máis de 2.200 metros de artes de enmalle, 21 nasas e 22 quilos de peixe e marisco. Os aparellos estaban sen identificar, polo que os exemplares atopados foron devoltos ao seu hábitat natural.

A maiores, na provincia de Pontevedra os axentes realizaron diferentes controis. Na ría de Pontevedra incautáronse de 450 metros de artes de enmalle e máis de 90 quilos de produtos do mar, mentres que na ría de Vigo requisaron 10 nasas sen identificar e 34 quilos de peixes e mariscos que foron devoltos ao mar.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non merquen produto fóra das canles legais de comercialización.

23 de xuño de 2020 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.