publicidade hoxe

Galicia defende que se teña en conta a contribución do sector á mellora do estado das especies á hora de fixar as posibilidades de pesca para o 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Videoconferencia da conselleira do Mar

Videoconferencia da conselleira do Mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñeceu hoxe a contribución da frota española e en particular da galega na boa evolución das especies e a súa capacidade para conseguir que case o 80% dos Totais Admisibles de Captura (TAC) acaden o Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock. Isto permite que o 99% das cantidades extraídas no Atlántico o fagan baixo esa sustentabilidade.

Neste sentido, defendeu a necesidade de que a Unión Europea teña en conta ese esforzo á hora de fixar as posibilidades de pesca para o ano 2021 no que haberá que compatibilizar de novo o alcance do RMS en todas as especies coa aplicación da obriga de desembarque de capturas e o posible impacto do brexit. Así o recalcou a titular de Mar no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, no que participou por videoconferencia e onde se abordou a comunicación da Comisión Europea sobre o estado da aplicación da política pesqueira común (PPC) para preparar o establecemento das posibilidades de pesca para o 2021.

Galicia tamén defende que na xestión das oportunidades de pesca se teñan en conta outros aspectos que favorezan a súa flexibilidade. Entre eles a aplicación efectiva do Plan Plurianual de Augas Occidentais e a importancia de adecuar a aplicación da obriga de desembarque de capturas. En relación a esta última cuestión, a comunidade autónoma galega pon en valor a alta selectividade que teñen a maioría das prácticas e artes de pesca e incide en que para mellorar o seu cumprimento é clave a dispoñibilidade de posibilidades de pesca.

Outro dos aspectos polos que aposta Galicia na xestión das posibilidades de pesca é o de compasar as medidas adoptadas para diferentes concas pesqueiras co obxectivo de evitar diferenzas que poidan xerar agravios comparativos e unha menor aceptación das medidas por parte dos pescadores. Para a comunidade galega tamén é importante que se teñan en conta os factores externos á pesca no estado dos ecosistemas mariños.

En canto ás cuestións a atender para favorecer a flexibilidade na xestión de especies, a Consellería do Mar pon de relevo a necesidade de aplicar medidas para evitar o solapamento de stocks en determinadas áreas, situación que se dá por exemplo no caso do xurelo e da anchoa. Ademais Galicia segue defendendo a eliminación dos TAC nas especies pesqueiras accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura e sen risco de conservación, como as de augas profundas.

Por último, Galicia tamén puxo de relevo a necesidade de ter en conta os aspectos económicos e laborais da frota na adecuación da normativa de xestión e ordenación pesqueira e na determinación dos apoios orzamentarios para as medidas de mellora da eficiencia económica dos buques. Nesta liña, a comunidade galega insiste en que os apoios do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca deben atender ás necesidades que se derivarán do proceso do brexit e ao impacto da covid-19.

22 de xuño de 2020 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.