publicidade hoxe

Feijóo destaca que a pandemia puxo a proba a España das autonomías e demostrouse que son o punto forte do Estado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Comparecencia do presidente da Xunta

Comparecencia do presidente da Xunta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a pandemia puxo a proba a España das autonomías e demostrouse que son precisamente as autonomías o punto forte do Estado, “e non o talón de Aquiles que algúns queren ver”. Así mesmo, trasladou o desexo de que o que deu en chamarse nova normalidade dea paso igualmente a unha nova normalidade política que se inspire nos valores que se achegan desde algunhas autonomías.

Durante os Encontros dixitais de Europa Press, Feijóo lembrou que ao longo destes últimos anos tanto o proxecto independentista como o neocentralismo mostraron as súas profundas carencias, mentres que o autonomismo solidario e arraigado nos territorios, afianzouse con creces.

Deste xeito, avogou por trasladar ao cráter da política nacional o “sosego dinámico” de autonomías como a galega, con independencia do seu signo político. “Digo sosego dinámico e creo que digo ben, porque Galicia seguiu anticipándose con políticas proactivas que non deixan espazo para discusións improdutivas”, subliñou, referíndose, ademais doutras iniciativas, á constitución inmediata da comisión interdepartamental para xestionar a covid-19; á constitución do comité clínico de expertos sanitarios, para establecer os protocolos de actuación; ou á creación do comité de expertos económicos, formado por persoas procedentes da economía teórica e aplicada e do mundo da empresa, co obxectivo de deseñar os proxectos axeitados para reactivar e dinamizar a economía galega. Ademais da posta en marcha, xunto ás entidades sociais, dun plan de recuperación social, para dar resposta aos problemas das persoas máis vulnerables.

“Todo iso mantendo o orzamento da comunidade que reorganizamos e sendo favorables á contención do déficit público e da débeda pública”, dixo, lembrando que, ao mesmo tempo, Galicia practicou unha lealdade crítica coa Administración central, achegando ideas e propostas.

Sobre este punto, reiterou o desacordo da Comunidade co reparto dos 16.000 millóns de euros comprometidos polo Goberno central; “nin tampouco estamos de acordo cunha agresión ao sistema industrial galego, con decisións ou indecisións que poñen en perigo á industria do aluminio primario e ás industrias que se sitúan nas zonas marítimo-terrestres”, dixo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que a Comunidade galega forma parte desa política nacional, desa política de Estado que non está baseada no ruído, senón nunha estabilidade asentada nunha maioría cordial e útil, nunha maioría que se concibe como un medio para garantir mellor a convivencia e a cooperación, e non como un fin en si mesmo. “E esa estabilidade e esa maioría, á súa vez, permiten adoptar medidas, anticipar respostas e lograr resultados apreciables, apreciados e constatables en todo tipo de baremos”, concluíu.

15 de xuño de 2020 | 15:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.