publicidade hoxe

Ethel Vázquez informa aos profesionais do taxi de que a nova normalidade permite ocupar todas as prazas traseiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
A conselleira na visita aos taxistas da Coruña

A conselleira na visita aos taxistas da Coruña

A Xunta informa aos profesionais do taxi de que a nova normalidade permite ocupar todas as prazas traseiras mantendo a prevención para garantir a mobilidade segura.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, e representantes do colectivo para abordar a situación do sector.

O Goberno galego, tras levantar a pasada semana o Ministerio de Transportes as restricións de aforo en autobuses, considerou razoable estender esas medidas aos taxis, tendo en conta que, neste caso, os usuarios adoitan ter vinculación. Trátase de permitir ocupar todas as prazas traseiras dos vehículos de transporte de ata 9 prazas, deixando libre o asento do copiloto e mantendo as medidas de hixiene e prevención establecidas.

Esta flexibilización fomenta a recuperación do uso do taxi como un medio de trasporte público para os cidadáns, garantindo a mobilidade segura, grazas tamén ás medidas de prevención e protección incentivadas pola Xunta.

O Executivo autonómico, desde a declaración da emerxencia sanitaria pola covid-19, impulsou, en colaboración co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, unha guía con recomendacións básicas e medidas de hixiene e de protección no sector do taxi.

Neste sentido, a conselleira puntualizou que agora que comezan a incrementarse os desprazamentos cómpre traballar para xerar confianza no transporte público e promover unha mobilidade segura.

Isto é o que se está a facer a través dunha campaña informativa para promover unha mobilidade segura no sector do taxi, con consellos prácticos como o emprego de máscaras ou que os viaxeiros paguen preferiblemente con tarxeta para evitar contactos.

Incentivos para pantallas
Ethel Vázquez tamén explicou no encontro a orde de axudas da Xunta, dotada con 300.000 euros, para a instalación de 4.000 pantallas protectoras nos vehículos de taxi e alugueiro con condutor.

Estes incentivos subvencionarán o custo da pantalla coa achega de ata 75 euros por anteparo e vehículo. As subvencións pretenden chegar ao 100% do sector para fomentar a mobilidade segura en taxi.

Cando se solicite a axuda, a pantalla protectora deberá estar xa instalada, sendo subvencionables aquelas que se adquiran entre o 1 de marzo e o 31 de xullo.

16 de xuño de 2020 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.