publicidade hoxe

Educación abre o prazo para a incorporación de centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) en centros públicos para o curso 2020/2021, coa que se abre tanto o prazo para a incorporación de novos centros a este programa como a solicitude de continuación por parte dos xa participantes.

Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares o vindeiro ano académico. En igualdade de puntuación terán preferencia os situados en concellos rurais.

A dotación orzamentaria total, para os centros de nova incorporación e para os de continuidade, ascende a 1.390.000‬ €. As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería, desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

Solicitudes

O prazo límite de presentación de instancias é o 3 de xullo. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación pode empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365.

Criterios de selección

Para a selección dos centros de nova incorporación teranse en conta criterios como a calidade do programa presentado e a súa coherencia coa situación real da biblioteca e coa convocatoria; a integración da proposta nas actuacións destinadas á adquisición das competencias clave do alumnado e o cumprimento dos obxectivos contemplados no proxecto educativo; e o grao de participación da biblioteca, dos seus recursos materiais e humanos, no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

Así mesmo terase en conta a formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar e do seu equipo de apoio e o grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto. Tamén se avaliarán as propostas de mellora nos servizos ofertados pola biblioteca e uso que deles fan os diversos sectores da comunidade escolar, así como a atención aos usuarios da biblioteca, con especial atención á diversidade.

3 de xuño de 2020 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.