publicidade hoxe

A Xunta incrementa ata os 51 M€ o investimento para obras e equipamentos no eido educativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o incremento ata máis de 51 millóns de euros do investimento para 535 obras e equipamentos, que está a desenvolver a través do Plan de reactivación das infraestruturas educativas. Deste xeito, inxectaranse 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, o que suporá dar actividade a máis de 650 empresas e crear 5.000 postos de traballo durante a execución das obras, e co obxectivo de “ir mellorando o confort e a habitabilidade dos centros educativos”.

As novas actuacións dividiranse en catro categorías: rehabilitacións integrais, ampliacións e reparacións, cun total de 16 obras previstas, por importe de 11 millóns de euros. As actuacións de reforma, ampliación e mellora incrementaranse nun importe aproximado de 5,5 millóns e serán decididas polas xefaturas territoriais de Educación.

O plan inclúe un terceiro bloque de obras de rehabilitación sectorial, cuxo obxectivo será o de impulsar as pequenas e medianas empresas. En total desenvolveranse 34 obras, por un importe aproximado de 8,5 millóns, que se centrarán nas cubertas, carpintarías exteriores, iluminación eficiente, aseos, reparacións e pintura.

Por último, o novo paquete de obras contempla tamén 3 millóns de euros para equipamento dos centros de Formación Profesional -talleres e outros lugares de prácticas dos alumnos-.

Novo edificio de investigación preto do novo Hospital Público da Coruña

Feijóo tamén resaltou hoxe que a área sanitaria da Coruña contará cun novo edificio de investigación preto do novo Hospital Público da Coruña e nunha parcela de 8.026 metros cadrados, propiedade municipal.

O Centro Tecnolóxico de Formación será “un edificio singular onde se albergue a docencia, a investigación e a innovación de toda a cidade sanitaria da Coruña”, incidiu o presidente da Xunta.

Con este proxecto, integraranse nun edificio todos os servizos de docencia e investigación diseminados polos distintos edificios da area sanitaria da Coruña, concentrados especialmente no Hospital Teresa Herrera, no hotel de pacientes e no edificio do Fortín no Hospital de Oza.

Deste xeito, neste novo edificio impartiranse prácticas de Medicina, Enfermería, Fisioterapia, Terapia ocupacional, así como docencia aos MIR e docencia complementaria á oficial.

No tocante á distribución do edificio, o presidente da Xunta avanzou que esta infraestrutura contará con 2 bloques intercomunicados: o pavillón de docencia que, con case 6.000 metros cadrados, contará, por exemplo, cunha área de simulación, cunha área experimental e cunha área de tecnoloxía e innovación.

Pola súa banda, o pavillón de investigación e innovación, de 7.000 metros cadrados, terá, entre outras dependencias, unha zona de ubicación de plataformas de investigación, que albergará áreas de traballo dedicadas a bioestatística, proteómica, xenómica, histomorfoloxía, bioinformática e bioenxeñería.

Cerca de 1,7 millóns de euros en material para a loita contra a covid-19

No eido sanitario, Feijóo destacou tamén a autorización da tramitación de emerxencia de varios expedientes de contratación por preto de 1,7 millóns de euros, para subministrar material e equipamento aos hospitais do Sergas fronte á covid-19 e realizar determinados traballos e servizos nestes mesmos centros.

O primeiro expediente refírese á adquisición de material por un total de 438.750 euros. O presidente da Xunta detallou que comprende: 72 camas de hospitalización para o Hospital Clínico Universitario de Santiago; 8 centrais de monitorización para varios hospitais; 383 biombos de separación para diversos centros; e 200 unidades de soportes de camas para raios X de tórax con destino a varios hospitais.

Tamén se autorizou a tramitación de catro expedientes para a contratación de diversos traballos e servizos na área sanitaria da Coruña e Cee; e o subministro de determinados materiais e produtos.

No primeiro deles, destinado a distintos proxectos da área coruñesa, destaca o dispositivo extraordinario de atención de emerxencia; a adaptación do laboratorio de microbioloxía; a adaptación de servizos de urxencias; e a ampliación de unidades de críticos, entre outros.

O segundo ten como obxectivo a contratación de diversos traballos nos proxectos desta área sanitaria, como, por exemplo, a rotulación dos chans e de urxencias; a instalación de circuíto cerrado de televisión en salas de espera; e distintos servizos de vixilancia, control de accesos e transporte sanitario.

O terceiro dos expedientes refírese ao subministro de produtos farmacéuticos. E, por último, tamén se aprobou a contratación da xestión de residuos para o dispositivo extraordinario de atención de emerxencia.

Así mesmo, outro dos investimentos que se aprobou hoxe foi o da adquisición dun monitor de constantes vitais de hemodinámica, diversos produtos informáticos e mamparas para a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

12 de xuño de 2020 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.