publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 10 millóns de euros a impulsar a promoción, venda e internacionalización dos produtos galegos de calidade tras a emerxencia sanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta destinará un total de 10.250.000 euros ao eixo da promoción, comercialización e internacionalización dos produtos galegos dentro do Plan de reactivación e dinamización que impulsa a Consellería do Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19 nos sectores primarios da nosa comunidade. Así o destacou hoxe o conselleiro José González, quen mantivo un encontro por videoconferencia cos responsables dos consellos reguladores dos produtos galegos de calidade diferenciada, para explicarlles as medidas sectoriais deste plan. O conselleiro salientou que a iniciativa presta unha especial atención á calidade como panca para mellorar a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos, así como a competitividade xeral dos sectores primarios.

O titular de Medio Rural centrou a súa explicación nos aspectos do plan relativos á posta en valor da calidade agroalimentaria da nosa comunidade. Así, entre as medidas a aplicar avanzou a potenciación da marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento dos produtos do sector primario, tanto os que contan con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida como os derivados das razas gandeiras autóctonas, os que contan co selo de artesanía alimentaria, os amparados por Galega 100% ou os de pescadeRías.

O conselleiro indicou que se reforzará, así mesmo, a presenza da industria alimentaria na marca Galicia Calidade, para que a súa produción gañe competitividade e notoriedade como instrumento de acceso a novos mercados, tanto nacionais como internacionais. Nesta liña, González trasladou tamén que se creará un grupo de traballo interdepartamental -con participación de Medio Rural e do Igape- para o deseño dun Plan de internacionalización das empresas agroalimentarias da nosa comunidade. Esta iniciativa incluirá, entre outras cuestións, a fixación de países obxectivo, estudos de mercado, asesoramento, formación, asistencia a feiras e misións comerciais.

Ademais, segundo trasladou o conselleiro, está prevista a creación de mercados singulares en localizacións emblemáticas das catro provincias, para prestixiar e poñer en valor as nosas producións agroalimentarias. Farase mediante o deseño de stands innovadores que actuarán como polo de atracción de visitantes e turistas e contribuirán á dinamización socioeconómica dos territorios, sempre cunha vinculación dos produtos á marca Galicia Calidade. No eido da promoción, José González destacou accións como o desenvolvemento dunha campaña de difusión dos produtos agroalimentarios galegos fóra da nosa comunidade, tanto en puntos de venta físicos como dixitais, con promoción en punto de venda e publicidade en medios. Para levala a cabo, o conselleiro pediulles aos consellos reguladores que fagan as súas aportacións. Contémplase, así mesmo, a creación dunha plataforma dixital para a comercialización destas producións, como ferramenta de venda on line que agrupe a diversos produtores para acadar tamaños mínimos de oferta, acompañado de asesoramento na xestión. Esta iniciativa reforzarase cunha liña de apoio para que as empresas agroalimentarias se adhiran a plataformas dixitais como canles adicionais de venda, atención ao cliente e marketing dixital.

Neste mesmo sentido, dentro do eixo da formación, innovación e dixitalización, aplicarase un plan de formación e asesoramento en marketing e loxística de vendas, que incluirá tamén unha liña de axudas para a contratación polas pemes do sector de persoal especializado. Haberá tamén, tal e como explicou González, plans específicos de reactivación dos sectores máis afectados pola covid-19, con participación dos operadores. Levarase a cabo sempre un estudo do impacto que a crise provocou no sector determinado e farase con actuación a curto prazo e dende unha perspectiva integral que formule propostas no eido da comercialización, da estrutura financeira ou dos stocks, entre outros. A maiores, potenciaranse os selos de calidade diferenciada, apostando por dar ferramentas, financiamento e soporte aos consellos reguladores e buscarase protexer e diferenciar outros eidos produtivos. Entre eles, o conselleiro mencionou o aceite galego, o pan galego e a Indicación Xeográfica Protexida vaca galega/boi galego. Outra medida será o desenvolvemento da figura do artesán alimentario e a elaboración das normas técnicas dos diferentes produtos artesanais.

Eixos e obxectivos

O Plan de Medio Rural conta cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e forma parte da planificación da Xunta para fomentar a reactivación económica trala pandemia. Estrutúrase en cinco eixos de actuación, que van dende a promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos ata a sostibilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal, pasando polo reforzo da resiliencia do territorio rural, a formación, innovación e dixitalización e a simplificación e flexibilización administrativa. A iniciativa ten tres obxectivos centrais: fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da crise da covid-19, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural.

18 de xuño de 2020 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.