publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta colaborará cos concellos no reforzo das medidas de seguridade nas praias ante a covid-19

Alfonso Rueda na visita ao areal

Alfonso Rueda na visita ao areal

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego colaborará cos pequenos e medianos concellos para apoialos nos gastos de persoal e medios adicionais aos que deberán facer fronte como consecuencia das medidas extraordinarias a causa do coronavirus co obxectivo de garantir un uso seguro das súas praias durante este verán.

Alfonso Rueda explicou que, mediante convenios cos municipios, a Xunta participará no reforzo de normas e pautas organizativas, de seguridade e vixilancia e de limpeza e conservación ambiental dos areais para a contención e a prevención da pandemia.

Así o destacou esta mañá na praia do Carreirón da Illa de Arousa, onde estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde Carlos Iglesias.

A Xunta colaborará a través de acordos con pequenos e medianos concellos co obxectivo de reforzar o persoal para “colaborar cos efectivos de socorrismo que xa teñen unhas tarefas concretas que deben seguir realizando”. Con esta “medida complementaria” contribuírase a contar con máis persoal que colabore en actuacións de organización e vixilancia de accesos, control de aforos ou da permanencia nos areais, así como traballos de limpeza.

Ademais, engadiu que poderase colaborar na adquisición de medios para a limpeza das praias e das súas instalacións comúns ou da recollida de residuos “que supoñen un gasto adicional cos condicionantes actuais debido ao coronavirus” como “elementos de sinalización, balizamento ou material de limpeza e desinfección”.

O vicepresidente da Xunta sinalou a necesidade desta cooperación entre a Administración autonómica e as entidades locais para contribuír á súa recuperación económica tras a paralización da actividade pola covid-19 e nun sector tan importante como o turístico.

Por iso, incidiu en que a colaboración entre o Goberno galego e os concellos é clave para levar a cabo actuacións que redunden no benestar dos seus veciños, neste caso garantindo un uso seguro dos espazos públicos e, en concreto, das praias, que constitúen un dos principais focos de atracción de turistas na época estival. Nesta liña, destacou que na situación derivada da actual crise do coronavirus que esixe a posta en marcha de medidas extraordinarias, a cooperación institucional é aínda máis relevante.

4 de xuño de 2020 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.