publicidade hoxe

A Xunta colabora coas entidades sen ánimo de lucro en programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas para que as entidades sen ánimo de lucro poidan poñer en marcha itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.

A través destas subvencións, financiadas ao abeiro do desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, as vítimas reciben apoio para a súa integración ou reincorporación ao mercado laboral, o que permite avanzar cara a súa recuperación integral. Hai que ter en conta que a falta de recursos propios, sobre todo dun posto de traballo, é un dos principais obstáculos que dificultan en moitas ocasións a ruptura coa situación de violencia.

O orzamento destinado a esta convocatoria bianual é de 725.000 euros, dos que 225.000 corresponden a este exercicio e os 500.000 se distribuirán en 2021. A contía máxima será de 25.000 euros para o período entre o 1 de setembro e o 30 de novembro deste ano e de 75.000 para os proxectos financiados entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño de 2021.

Poderán beneficiarse das subvencións desta orde entidades sen ánimo de lucro con programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego. Na resolución establécese ademais que terán preferencia para incorporarse ás iniciativas financiadas aquelas mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares vixentes.

A convocatoria financia varios tipos de accións. Entre elas, itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, acompañamento na busca activa de traballo, intermediación laboral e contacto con empresas, apoio nas empresas en prácticas profesionais non laborais, ademais dun seguimento e unha avaliación do traballo realizado polas mulleres participantes nas entidades nas que se realizaron as contratacións.

Tamén se subvencionan outras actuacións como a formación relacionada co acceso ao emprego. Para facilitarlles ás mulleres vítimas de violencia de xénero a súa participación no seu itinerario de inserción laboral fomentarase a conciliación poñendo á súa disposición servizos de atención persoal ou familiar. Ademais, contarán cunha bolsa económica coa que compensarlles os gastos de transporte ou desprazamentos, entre outros conceptos, derivados da súa incorporación a esta iniciativa.

O prazo para enviar as solicitudes será dun mes desde mañá e deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

22 de xuño de 2020 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.