publicidade hoxe

A Xunta adxudica o servizo para adaptar a xestión do ciclo da auga aos obxectivos da Estratexia galega de economía circular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo para adaptar a xestión do ciclo da auga aos obxectivos da Estratexia galega de economía circular. O contrato foi adxudicado á empresa Sogos Consulting por importe de 17.968 euros.

A Xunta de Galicia aprobou recentemente a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, que ten como un dos seus eixos de actuación a xestión do ciclo da auga, cos seguintes obxectivos: mellorar a eficiencia e optimización das redes de sumidoiros e abastecemento e das estacións de potabilización e depuración; desenvolver e implantar infraestruturas verdes, tales como os sistemas de saneamento ecolóxico e drenaxe urbana sostible; mellorar o deseño, construción e uso de infraestruturas máis eficientes no uso da auga; mellorar a xestión das augas subterráneas e a recarga de acuíferos con augas rexeneradas; crear modelos de xestión e infraestruturas que permitan o reemprego de augas pluviais; empregar novas tecnoloxías que melloren a calidade das augas rexeneradas e producir produtos de valor engadido a partir de auga residual urbana e industrial.

Así, entre os obxectivos do contrato está identificar aqueles sistemas de abastecemento e de saneamento de maior antigüidade ou que poden ter unha maior marxe de optimización e establecer puntos de control dos mesmos.

Ademais, desenvolverase un catálogo de infraestruturas verdes que contribúan a mellorar a calidade das augas, a minimizar o risco de inundación ou a xestionar os períodos de seca dun xeito sostible e eficiente economicamente.

Así mesmo, identificaranse accións concretas para a reutilización da auga unha vez usada, tanto antes do seu vertido a unha rede de saneamento, como unha vez que entra no sistema de saneamento; e buscaranse accións concretas para mellorar a xestión das augas subterráneas, tanto desde o punto de vista da súa calidade como da cantidade do recurso dispoñible, establecendo protocolos de control para cada unha das accións.

11 de xuño de 2020 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.