publicidade hoxe

A Xunta activa unha nova aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta pon en marcha unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19. Na iniciativa Connect-19 poderán participar 20 pequenas e medianas empresas que recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica e potenciarán a súa capacidade de captación de financiamento, seguindo unha folla de ruta personalizada enfocada ao fortalecemento do seu acceso ao mercado.

O programa, que tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta se desenvolverá en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), situado en San Cibrao das Viñas (Ourense), terá unha duración de cinco meses e contará cun orzamento de preto de 600.000 euros. Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións referentes ás normas e directivas sanitarias, así como para avanzar na súa comercialización e internacionalización, identificando novos mercados potenciais, e para a captación de socios investidores.

A nova incubadora seguirá a metodoloxía de fortalecemento de capacidades comerciais que xa demostrou resultados nas tres edicións do programa Agrobiotech, que contaron tamén coa colaboración da Tecnópole.

A iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes se prevé activar este mes e que permanecerá aberto ata o 10 de xullo, ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola covid-19. Poderanse presentar pemes de calquera sector con presenza no mercado e que acheguen solucións de valor engadido con algún factor innovador fronte ao coronavirus, con comercialización inmediata e cun alto potencial de crecemento.

19 de xuño de 2020 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.