publicidade hoxe

A Xunta aborda co sector a posta en marcha do Observatorio de Transporte de Mercadorías de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
A conselleira Ethel Vázquez en videoconferencia

A conselleira Ethel Vázquez en videoconferencia

A Xunta de Galicia abordou hoxe co sector a posta en marcha do Observatorio de transporte de mercadorías de Galicia, unha ferramenta útil para calcular os custos de funcionamento do sector.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión, por videoconferencia, co presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías, Ramón Alonso, e cos representantes territoriais da entidade, que trasladaron, ademais, a súa preocupación polo futuro dos profesionais asociados a Alcoa e á central térmica das Pontes.

O Observatorio de Transporte de Mercadorías é unha ferramenta que o Goberno galego desenvolveu da man do sector, coa fin de ofrecer información precisa sobre os custos asociados á súa actividade, simplificando e dotando dunha maior transparencia o relacionado con esta profesión.

Este sistema está dispoñible desta esta semana na web

https://observatoriotransporte.xunta.gal . Nos vindeiros días estará rematada unha actualización coa que as empresas poderán realizar os seus cálculos personalizados de custos, tanto por vehículo como por traxectos concretos.

No encontro tamén se abordaron outras liñas de traballo que ten abertas o Executivo autonómico para facilitar o traballo do sector. A Dirección Xeral de Mobilidade, en coordinación cos Gobernos de Asturias e Castela e León, está a traballar nunha planificación coordinada das infraestruturas loxísticas, tanto de vías férreas, como o Corredor Atlántico, como para potenciar outras plataformas ou portos secos.

Tamén, a través dos proxectos europeos que impulsa a Confederación de Empresarios de Pontevedra e na que participa a Xunta, se está a avaliar a viabilidade de implantación de aparcadoiros para mercadorías perigosas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A conselleira tamén informou aos representantes do sector sobre o recente ditame do Consello Consultivo, que establece que as subas extraordinarias de peaxe da AP-9 son nulas de pleno dereito e recoñece un beneficio fiscal encuberto á concesionaria.

Explicou que o Goberno galego lle deu traslado dese ditame ao Ministerio de Transportes, para que o analice canto antes e actúe en consecuencia, pois esas peaxes están a supoñer unha perda de competitividade para Galicia.

Lembrou que os profesionais do transporte de mercadorías e das actividades anexas poderán beneficiarse das axudas no marco do programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros no que participan distintos departamentos da Xunta.

Precisou que as empresas e autónomos do sector poderán acceder a incentivos de ata 3.000 euros para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene para os seus traballadores ou usuarios.

A Xunta, dende o primeiro momento, vén colaborando co sector do transporte de mercadorías para que puidesen dispoñer dos elementos de protección necesarios para evitar contaxios e garantir a seguridade na cadea de distribución.

O Executivo autonómico, ademais de trasladarlle ao Ministerio as necesidades de material de protección, achegou 10.000 máscaras e facilitou a adquisición doutras 48.000 unidades a prezo de custo, a través da canle habilitado polo Igape.

8 de xuño de 2020 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.