publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Cidade da Cultura crea a ‘Escoliña de Merlíns e Morganas’, un campamento virtual de maxia impartido por Pedro Volta

A Xunta de Galicia pon en marcha na Cidade da Cultura a ‘Escoliña de Merlíns e Morganas’, un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.

A Escoliña de Merlíns e Morganas enxírese dentro da campaña #aculturasegue da Xunta de Galicia para ofrecer contidos de calidade e de lecer adaptados as medidas sanitarias poscovid-19. Precisamente, e tendo en conta esta situación, a Cidade da Cultura leva ofrecendo unha variada programación en liña para a cativada, como os retos artísticos da Raposa Fedella, os contacontos do Club das Lerchiñas ou, a partir deste mesmo sábado, día 13, Cociñeiras ilustradas, vídeo-receitas animadas compartidas polas redes sociais para cociñar en familia.

A inscrición para este campamento de estío do Gaiás –que toma relevo ao presencial do verán de Unha noite no Bosque– está xa aberta en Ataquilla.com e na páxina web da Cidade da Cultura –cidadedacultura.gal– cun prezo de 15 euros por semana, máis gastos de xestión.

Ilusionistas internacionais, material de maxia e ‘Reto Viaqua’

O ilusionista galego –creador do exitoso ‘Galicia Magic Fest’ e colaborador de programas televisivos como ‘El Hormiguero’ ou ’1,2,3, Hipnotízame’– ofreceralles aos rapaces e ás rapazas un amplo e variado repertorio de trucos de maxia con cartas, con moedas, con cordas, onde tamén haberá espazo para a globoflexia e as sombras chinesas. Para todo isto, contará coa axuda de magos internacionais, cos que contactará en liña nas aulas virtuais. Ademais, todos os inscritos recibirán material nas súas casas para facilitarlles a súa formación e a execución dos trucos.

O campamento de maxia tamén será unha aula de aprendizaxe medioambiental, xa que o ilusionista galego proporá cada día o Reto Viaqua –en referencia a entidade patrocinadora da Escoliña de Merlíns e Morganas– no que a auga será elemento principal.

Trátase dun xeito divertido e didáctico para que os máis pequenos e pequenas asuman e interioricen mensaxes de concienciación ambiental e se corresponsabilicen co aproveitamento dos recursos naturais, sobre todo da auga.

Un dos magos galegos máis internacionais

Pedro Volta é un dos ilusionistas galegos más recoñecidos. O seu currículo profesional inclúe unha xira por trinta cidades da China como director artístico do espectáculo Hangar 52 do prestixioso mago Yunke. É asesor máxico e creativo para este mesmo ilusionista en ‘El Hormiguero’ de Antena 3 Televisión. Foi guionista de accións do programa de Antena 3 Televisión ’1,2,3 Hipnotízame’.

Traballou no Kennedy Center de Washington e en varios teatros de Maryland e Virxinia (EUA), contratado pola Embaixada Española. Tamén colaborou co Instituto Cervantes para promocionar o español a través do seu espectáculo de maxia en Sydney e Camberra (Australia).

11 de xuño de 2020 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.