publicidade hoxe

O programa Talento Mozo leva ás redes sociais historias de éxito de xóvenes galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia levará ás redes sociais as historias de éxito de mozas e mozos galegos relevantes en diferentes eidos como a cultura, a música ou o deporte. Esta iniciativa enmárcase no programa Talento Mozo, que procura achegar á xuventude galega a traxectoria e a experiencia de xente nova da comunidade que serve de exemplo ás nenas e nenos de Galicia.

Desta maneira, cada xoves manterase unha charla a través do Instagram de Xuventude (@XuventudeGalicia) cunha persoa moza galega que destaque no seu ámbito: ben sexa deporte, música ou a creación co obxectivo de dar a coñecer a súa carreira profesional, o seu traballo e, tamén, como está afrontando esta situación de crise provocada polo Covid-19.

Así mesmo, os usuarios da rede social poderán formular preguntas durante o momento da conversa ou ben previamente, co fin de incentivar a interacción entre a persoa invitada e a mocidade en xeral.

Debido á situación de emerxencia sanitaria, o Goberno galego optou por levar estas conferencias que ían a celebrarse de maneira presencial ás redes sociais. Polo tanto, Talento Mozo online comezará este mesmo xoves 7 de maio ás 18:00 horas coa participación da atleta paralímpica Desirée Vila.

Primeira edición

Cómpre recordar que, a primeira parte do Programa Talento Mozo culminou coa entrega dos Premios Talento Mozo, que se convocaron en 2019 e se entregaron na nova Lonxa de Ribeira o pasado 6 de marzo.

Nesta primeira edición de Talento Mozo a Xunta de Galicia recoñeceu a carreira profesional de cinco mozas e mozos nos eidos de Ciencia, o rural, o deporte a empresa e a cultura e creación. Así, o pasado 6 de marzo galardoouse a Christian Vidal Vides na categoría de Ciencia, Paula Rodríguez Villamayor na de Rural, Ana Peleteiro Brión en Deporte, Jorge López Rodríguez no apartado de Empresa e Sara Donoso Calvo na disciplina de Cultura e Creación.

6 de maio de 2020 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.