publicidade hoxe

Medio Ambiente retoma o certame fotográfico #Eusonpilabot para concienciar sobre a recollida de pilas no eido escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de reactivar o concurso individual de fotografía #eusonpilabot, unha iniciativa que busca concienciar á comunidade escolar sobre a recollida selectiva deste tipo de residuos apelando, neste caso, á creatividade do alumnado participante. O prazo para a presentación das instantáneas rematou o 10 de marzo pero o parón da actividade escolar derivado da declaración do estado de alarma obrigou a suspender temporalmente a campaña Pilabot, na que se enmarca este concurso e que conta coa participación de 150 centros de primaria e de secundaria de toda Galicia.

Agora, coincidindo coa recta final do curso escolar e tendo en conta que se trata dunha actividade non presencial, a organización decidiu retomar o certame fotográfico no punto en que quedara paralizado. Así, desde onte e ata o vindeiro domingo, cada día publicaranse tres das imaxes participantes -dun total de 36- nos perfís en redes sociais de Pilabot e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Do 8 ao 15 de xuño reactivarase a fase de votación pública a través da web pilabot, aínda que tamén se conservarán integramente os votos recabados por cada participante no mes de marzo; e o 16 de xuño comunicarase polas mesmas vías cales foron as tres fotografías que recibiron máis apoios. Os premios para os gañadores serán unha tablet, un altofalante bluetooth e unha pulseira de fitness.

Cómpre lembrar que este certame fotográfico vai dirixido a todo o alumnado dos centros participantes na campaña para o fomento da recollida selectiva de pilas Pilabot, impulsada pola Xunta por segundo ano consecutivo en colaboración cos xestores de residuos de pilas en Galicia: Ecopilas, ERP e Ecolec.

Campaña de recollida en colexios

Ao igual que no curso 2018-2019, a actividade central de Pilabot é o concurso escolar de recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores, que se leva a cabo nos propios centros inscritos de tal forma que todos compiten entre si para acadar as mellores cifras de Galicia. Así, os alumnos e os colexios que consigan recuperar a maior cantidade destes residuos serán os gañadores.

Debido á situación provocada pola covid-19, sen embargo, o concurso quedou suspendido de maneira temporal, a expensas de que se retome a actividade escolar para poder continuar coa fase de recollida de pilas naqueles centros que aínda non completaran as seis semanas lectivas de concurso no momento en que se decretou o estado de alarma.

Balance da anterior edición

A campaña Pilabot púxose en marcha por primeira vez durante o curso pasado co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias dos alumnos, ao tempo que se lles facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que prevexan os problemas de contaminación derivados dunha posible mala xestión.

A campaña inclúe, ademais dos devanditos concursos de recollida de pilas e de fotografía creativa, a realización de charlas divulgativas en 50 centros seleccionados previamente mediante sorteo para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación deste tipo de residuos e o seu depósito nos contedores específicos. De feito, o pasado mes de febreiro completáronse as últimas charlas dirixidas aos escolares.

O reto da presente edición do concurso é superar os bos resultados acadados durante o curso 2018/2019, no que se recolleron, entre todos os centros participantes, preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado no conxunto da comunidade autónoma.

26 de maio de 2020 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.