publicidade hoxe

Medio Ambiente reactiva as axudas para actuacións municipais nas Reservas da Biosfera e nos Parques Naturais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reactiva a convocatoria das axudas para a financiación de actuacións municipais nos concellos que se inscriben dentro dunha Reserva da Biosfera ou do ámbito dos Parques Naturais de Galicia. O DOG publica hoxe a Resolución pola que se dispón a continuidade de toda unha serie de liñas de subvencións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, cuxos prazos administrativos e de prescrición e caducidade se viron afectados polo Real decreto polo que se declarou o estado de alarma.

En canto ás axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, é a segunda vez que se convocan, e está dotada de 600.000 euros.

A orde, publicada o pasado 17 de febreiro, está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ten como fin promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor, como son as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das seis reservas da biosfera de Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Serán subvencionables as actividades de restauración de ecosistemas naturais como prados de sega, soutos de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica; os proxectos de creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza; a sinalización, por exemplo, de zonas de caza ou pesca; a creación e mellora de sendas peonís, pasarelas, refuxios de pesca,…; os proxectos de conservación do patrimonio inmaterial (etnobotánica, folclore, música, etnoloxía, etc); a realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats; campañas de concienciación ambiental; e actividades de información e/ou sensibilización para a conservación do patrimonio natural.

Así mesmo, e sempre que se enmarquen nalgunha das actividades anteriores, os concellos poderán optar a esta liña de axudas para a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra ou arrendamento con opción de compra nova maquinaria e equipos, os custos xerais vinculados ao investimento: honorarios á asistencia en arquitectura, enxeñaría e ao asesoramento en xeral, ou os honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade.

Axudas para os concellos dentro dun dos seis parques naturais

Tamén se retoman as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación no seis parques naturais de Galicia durante os ano 2020 e 2021, por un importe de case 1,4 millóns de euros. O obxectivo desta liña de incentivos é mellorar a conservación destes espazos e o seu carácter de utilidade pública, fomentando e aumentando o papel dos propietarios ou arrendatarios, das asociacións ambientalistas e de custodia e de empresas e concellos que se sitúen dentro do ámbito do parque (como potenciais beneficiarios das axudas).

Así poderán ser obxecto destas subvencións, as actuacións dirixidas a mellorar a paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento dos usos recreativos, como a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes, restauración de muros, mellora de carreiros rurais, sinalización de camiños e rutas, así como a creación de rutas e áreas recreativas. Tamén serán subvencionables actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais e culturais, como a rehabilitación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como as accións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas, como a restauración de humidais, corrección de drenaxes ou a eliminación de especies invasoras.

Cómpre lembrar que estas axudas son acordes ao contido do fondo Feader, que recolle entre as súas liñas básicas conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, así como mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco da pobreza.

Axudas para previr e paliar os danos da fauna salvaxe
Entre as convocatorias nas que se acaban de reactivar os prazos administrativos tamén figuran o orde de axudas para conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras para a presente anualidade, e a que regula a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola.

Neste último caso, a convocatoria de 2020 está dotada con 125.000 euros e os beneficiarios poderán solicitalas para desenvolver, por unha banda, accións de vixilancia de tramos de pesca fluvial e pola outra, actividades divulgativas ou formativas encamiñadas a potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, como medida de fomento da actividade pesqueira.

Así mesmo, en materia de fauna salvaxe, a resolución publicada hoxe no Dario Oficial de Galicia reactiva os prazos para poder acollerse tanto ás axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre como ás dúas ordes destinadas a paliar os danos producidos polo lobo e polo xabaril sobre cultivos agrícolas. Cómpre lembrar que estas liñas de axudas, de gran importancia para o sector agrogandeiro, contan cunha dotación total de case tres millóns de euros e quedaran en suspenso pola declaración do estado de alarma.

Finalmente, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén vén de comunicar que se retoman os prazos de solicitude das subvencións para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, unha orde dotada de 85.000 euros para cubrir gastos de esterilización cirúrxica e outros 40.0000 euros para a identificación animal mediante microchip.

7 de maio de 2020 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.