publicidade hoxe

Máis de 13.000 persoas visitaron de xeito virtual museos e monumentos emblemáticos a través de ‘Galicia, na túa casa’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas.

No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.

Cómpre destacar que, a través de Galicia, na túa casa, a rede de museos da Xunta contabilizou máis de 4000 accesos ás visitas virtuais, unha cifra que multiplica por cinco o número de visitas no mesmo período do ano pasado e que representa case tantas visitas virtuais como en todo o 2019. Así mesmo, a exposición Galicia, un relato no mundo, foi visitada a través desta iniciativa por case 3000 persoas. Este recurso online foi establecido tras o peche un mes antes por mor do coronavirus da exposición na Cidade da Cultura, que visitaron presencialmente máis de 43.000 persoas.

Catedral de Santiago

Este microsite permite facer un percorrido por algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade, incluíndo as prazas que rodean a Catedral. É posible, ademais, regresar ao templo catedralicio actualmente pechado e facer unha visita virtual ao museo da propia basílica xacobea.

Xunto a esta visita, Galicia, na túa casa, tamén propón percorridos virtuais polas outras catro catedrais galegas: a de Lugo, a de Mondoñedo, a de Ourense e a de Tui. Ademais, están dispoñibles diferentes tours en 360º por máis de 70 mosteiros, igrexas e conventos galegos para coñecer mellor o legado arquitectónico, cultural e relixioso.

Inclúense percorridos por algúns dos atractivos da Ribeira Sacra, a candidata española a Patrimonio Mundial en 2021, como por exemplo o Mosteiro de San Pedro de Rocas, único por ser escavado en rocha natural, ou o de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Tamén se permite facer unha viaxe virtual a vestixios arquitectónicos dos estilos prerrománico e mozárabe como Santa María de Mixós, en San Mamede (Ourense); do gótico como as ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra, ou o claustro de San Francisco, en Ourense; do estilo renacentista como o Bon Xesús de Trandeiras en Xinzo de Limia ou o colexio de Nosa Señora Antiga en Monforte de Lemos; ou do neoclásico como o convento das Madres Mercedarias en Santiago, entre outros.

Sete idiomas

Ademais, é posible achegarse desde a casa a emprazamentos como o Castro de Viladonga, as Pallozas e conxuntos etnográficos do Cebreiro, así como aos museos xestionados pola Xunta. A iniciativa está dispoñible para público nacional e internacional, xa que é posible acceder a esta información en sete idiomas. Con Galicia, na túa casa, continúase a ofrecer alternativas que promovan o destino con propostas para desfrutar desde a casa a través de internet no marco da iniciativa #aculturasegue.

9 de maio de 2020 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.